Abraham Cupeiro explorará os instrumentos de vento desde o Paleolítico ata o século XIX nun concerto pedagóxico no Museo

Este martes 30 de abril ás 9:00 ábrese o prazo para solicitar praza no concerto, que se celebrará o sábado 11 de maio ás 12:00 horas, a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal

28/04/2024

O Claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle o próximo sábado 11 de maio, ás 12:00 h, un concerto moi especial: Abraham Cupeiro fará soar unha colección de instrumentos de vento cos que viaxar ao pasado máis remoto, desde o Paleolítico ata o século XIX. Este concerto está enmarcado na celebración do Día Internacional dos Museos, que se conmemora a semana seguinte.

O concerto é de balde, pero con reserva previa. O prazo para reservar praza ábrese este martes 30 de abril, ás 9:00 h, en reservas.museo@depo.gal, indicando nome e teléfono de contacto. Reservaranse un máximo de 4 prazas por solicitude por rigorosa orde de inscrición.

‘Resoando no pasado’ é unha colección de instrumentos que Abraham Cupeiro mostra a través dun concerto pedagóxico no que viaxa ao pasado máis remoto da nosa especie a través do son dos instrumentos de vento. Desde unha pequena frauta de óso (46.000 a. C.) ata un gran Sousaphone orixinal do século XIX. Na colección están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas. Ao longo do concerto todos eles resoan de novo dando lugar a interesantes anécdotas, de xeito que nos achegan á parte máis humana dos instrumentos musicais.

Abraham Cupeiro é un multiinstrumentista e construtor de instrumentos, coñecido polo seu traballo recuperando instrumentos perdidos no tempo e utilizalos para crear novas sonoridades e incluílos en músicas que lles son alleas. Aínda que ten unha formación clásica, sempre se sentiu atraído por todo tipo de músicas, formando parte de grupos de fok, jazz e música antiga. Cupeiro compartiu escenario con formacións de diversas tipoloxías. Recentemente logrou grande popularidade pola súa interpretación de dos instrumentos antigos, o aulós e o carnix, nas salas do Museo Nacional del Prado.

12:00 horas, a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal

 

Ligazóns de interese