A Deputación roza a matrícula de honra na análise da accesibilidade do seu sitio web e mais da súa Sede electrónica

As plataformas acadaron 9,74 e 9,31 puntos, respectivamente, na iteración do Observatorio de Accesibilidade Web do Goberno estatal

20/11/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de ver recoñecida a accesibilidade do seu portal web institucional e a súa Sede electrónica, ao acadar, respectivamente, unhas puntuacións de 9,74 e 9,31 puntos sobre 10 na cuarta iteración realizada polo Observatorio de Accesibilidade Web, pertencente ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno de España. A revisión realizouse o pasado mes de xullo coa metodoloxía do seguimento simplificado UNE-EN 301549:2022.

No caso da puntuación obtida polo portal web, esta nota supón un incremento de 1,1 puntos respecto do resultado anterior, mentres que a Sede electrónica é a primeira vez que participa nesta análise. O portal institucional sitúase deste xeito na novena posición dos 750 sitios web analizados correspondentes a entidades locais, unha importante mellora desde a posición número 58 da análise anterior. Ademais, no caso das deputacións provinciais, este recoñecemento é aínda mellor ao acadar a quinta mellor nota (11 na análise anterior), e a Sede electrónica inicia a súa verificación nas posicións 42 e 8 desas mesmas categorías, respectivamente.

Todas as páxinas analizadas do sitio web da Deputación de Pontevedra acadaron o máximo nivel de adecuación (AA). Pola súa banda, a Sede electrónica, con algún erro detectado en canto a accesibilidade, no que xa está a traballar o persoal técnico da institución provincial, acadou tamén o nivel AA na valoración do seu conxunto.