A Deputación apaga este sábado as luces dos seus edificios en Pontevedra e Vigo pola Hora do Planeta

A institución provincial súmase un ano máis á iniciativa da organización WWF para concienciar sobre a importancia da defensa do medio ambiente

26/03/2026

A Deputación de Pontevedra apagará este sábado 28 de marzo todas as luces do Pazo Provincial, do Edificio Administrativo, o Museo de Pontevedra, o Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) e da súa sede de Vigo entre as 20:30 a 21:30 horas con motivo da “Hora do Planeta”. A iniciativa da organización WWF cumpre 20 anos neste 2026 lembrando que, no actual escenario, marcado polas vagas de calor máis intensas, secas prolongadas, chuvias torrenciais e fenómenos extremos cada vez máis frecuentes, e vital a acción colectiva de toda a sociedade.

Desta maneira, a “Hora do Planeta” é unha campaña para que entidades, cidadáns e empresas de todo o mundo apaguen as luces durante unha hora co fin de concienciar sobre a necesidade do aforro enerxético e a importancia de preservar o medio ambiente. Naceu en Sidney en 2007 e chegou ata 200 países. En España adoitan sumarse a esta iniciativa, todos os anos, máis de trescentas entidades locais e un cento de empresas.

Máis alá do xesto de apagar as luces durante sesenta minutos, a “Hora do Planeta” é unha das iniciativas medioambientais de maior alcance do mundo. No marco da campaña, a WWF convida ao aforro enerxético e á produción con fontes renovables. A Deputación de Pontevedra é unha habitual colaboradora con esta iniciativa, sumando este ano novas instalacións respecto a anos anteriores.