Luis López informa á veciñanza de Salvaterra da apertura do prazo de ofertas para a obra de ensanche e mellora da EP-4102 entre Leirado e Lira por 560.000 euros

O presidente provincial, xunto coa deputada Belén Cachafeiro, destaca o compromiso da Deputación coa da rede viaria provincial para poñer en marcha unha actuación nun treito de 900 metros que servirá para crear un itinerario peonil e mellorar a seguridade

15/12/2025

Luis López visita Salvaterra de Miño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a apertura do prazo de presentación de ofertas para o proxecto, valorado en 560.000 euros e financiado ao 100 % polo organismo provincial, de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-4102 entre Leirado e Lira, no Concello de Salvaterra de Miño, que permitirá iniciar as obras na primeira metade do vindeiro ano. Na Casa da Cultura de Lira, xunto coa deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, e a alcaldesa Marta Valcárcel, o mandatario provincial informou do inicio do procedemento de licitación dunha obra que se centrará nun treito de case 900 metros e que estará rematada nun prazo de 8 meses. "Estamos ante un proxecto que vai mellorar a calidade de vida dos veciños", declarou o mandatario provincial nun encontro con veciños destas dúas localidades.

O proxecto de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-4102 céntrase nun treito duns 900 metros que atravesa o núcleo rural de Formarigo, na parroquia de San Simón de Lira. A actuación levarase a cabo nos últimos 877 metros da estrada, dende o campo de fútbol da Chan ata o núcleo rural de O Pouso. Nos primeiros cincocentos metros do treito, vaise mellorar o trazado, ampliar a sección e construír unha cuneta transitable. No treito final, coincidindo co paso por Formarigo, onde non é posible ampliar a vía, o proxecto centrarase na mellora do pavimento e acondicionamento das marxes mediante o formigonado para obter un espazo segregado do tráfico rodado para dar seguridade á mobilidade peonil. En todo o conxunto, renovaranse as canalizacións soterradas e mellorarase a sinalización vertical e horizontal, así como o mobiliario urbano. "Salvaterra é un referente en moitas cousas, unha delas é a boa xestión cunha alcaldesa que é capaz de atender ao pequeno e ao grande, ao casco urbano e ao rural", salientou López.

A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello de Salvaterra de Miño non se limita unicamente a este proxecto. En materia de mantemento e mellora de estradas, o goberno provincial ten investido máis de 250.000 euros, un compromiso estratéxico coa rede viaria provincial que leva a Deputación a elevar a partida orzamentaria do servizo de Infraestruturas en máis do 50 % para o ano 2026, que se sitúa en preto de 40 millóns de euros. Ademais, a través dos Plans de Cooperación (+Provincia, Plan Extra e Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas) o Concello recibiu este ano un total de 2,24 millóns de euros. "A Deputación sigue ao carón dos concellos para mellorar a rede viaria como o resto de infraestruturas e servizos sempre da man dos alcaldes e alcaldesas", concluíu o presidente.

Galerias de imaxes