A Deputación abre este luns o prazo para que os concellos soliciten espectáculos de teatro e danza ao abeiro da terceira edición de +Escénicas
A nova entrega do circuíto contará con 204.000 euros, un 36% máis de recursos desde a súa posta en marcha, para que os concellos poidan programar ata 5 actuacións de teatro e danza entre abril deste ano e marzo de 2027
15/03/2026
A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia soliciten espectáculos de teatro e danza ao abeiro da terceira edición de +Escénicas. Esta nova edición do circuíto provincial de artes escénicas contará cun 36% máis de recursos que na súa primeira entrega, pasando dos 150.000 do 2024-2025 aos 204.000 euros deste 2026-2027.
Os concellos beneficiarios recibirán ata 4.000 euros, fronte aos 3.800 da segunda edición, para sufragar os espectáculos en réxime de cofinanciamento, desde o 90% para os concellos de menos de 5.000 habitantes ata o 80% nos concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes, e ata o 70% nos concellos de máis de 10.000 habitantes. Poderán seleccionar ata cinco espectáculos e no caso de solicitar entre catro e cinco obrigatoriamente un deles deberá de ser de danza.
Os concellos poderán facer as súas solicitudes entre este luns e o 31 de marzo e os espectáculos deberán ter lugar entre o 1 de abril deste ano e o 31 de marzo de 2027. A Deputación de Pontevedra abriu prazo para actualizar ata o 28 de febreiro os espectáculos de +Escénicas, que están dispoñibles para os concellos na web do organismo provincial.