Luis López recoñece as alfombreiras como as mulleres que protexen o patrimonio, fortalecen os lazos coa terra e crean obras de arte que potencian o turismo na provincia

O presidente provincial, acompañado pola deputada Sandra Bastos, inaugura no Pazo de Petán de Redondela o primeiro faladoiro da terceira colección dun programa impulsado pola Deputación para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas

04/09/2025

O presidente provincial, acompañado pola deputada Sandra Bastos

O presidente da Deputación, Luis López, inaugura a terceira colección do faladoiro “Aquí Faltan Páxinas”, un programa impulsado polo organismo provincial para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas, cun primeiro episodio que xirou arredor da confección de alfombras florais, unha manifestación cultural secular e propia de moitos concellos da provincia que permanece viva grazas ao papel esencial das mulleres. “Recoñecemos o labor de mulleres extraordinarias, coma as alfombreiras: artífices dunha tradición ancestral transmitida por mulleres, promotoras dunha actividade que dinamiza a vida social das nosas vilas e creadoras dunhas obras de arte que transcenden as nosas fronteiras. A vosa arte é efémera; a vosa pegada, imborrable”, confesou o mandatario provincial para pechar o acto organizado no Pazo de Petán, en Redondela, no que tamén participou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos.

As protagonistas deste primeiro encontro do novo curso do programa impulsado desde a área de Igualdade da Deputación foron alfombreiras de concellos onde a creación de composicións florais é moito máis ca unha tradición. En representación de Ponteareas, onde a festividade do Corpus vén de ser recoñecida no ano 2024 como Ben de Interese Cultural (BIC) participou María Carrera; representando a Bueu, estivo Loli do Campo; a representante de Gondomar foi Tere Pereira e exercendo de anfitrioas e representantes de Redondela estiveron Susana Ricón e Mayka Cabaleiro. Un diálogo moderado por Marián Fernández que xirou arredor confección das alfombras de flores e do papel das alfombreiras como transmisoras dos códigos simbólicos desta tradición, depositarias da sabedoría popular herdada xeración tras xeración e facedoras dun traballo comunitario e interxeracional.

“Iniciamos a terceira tempada do Aquí Faltan Páxinas, un formato actual —un podcast— para coñecer a historia desas mulleres pioneiras, referentes e extraordinarias que non saen nos libros de historia; damos un novo paso adiante no camiño cara esa meta conxunta, que é a igualdade; e salientamos o transcendental labor que, ao longo de incontables décadas, levan realizando veciñas anónimas dos nosos concellos para construír obras de arte que hoxe son patrimonio, tradición e marca Rías Baixas. Refírome, como xa imaxinades, ás alfombreiras da provincia”, contextualizou o presidente Luis López para abrir o acto.

A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. As accións incluirán a historia das cantareiras de Gargamala, a modista Juana de la Cruz “Juaniña”, as nais contra a droga, a primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, ademais das mulleres do mundo do viño, a soprano de zarzuela Matilde Vázquez, a fotógrafa e xornalista Corona González, a bióloga Marisol Soengas, a arquitecta Rita Fernández Queimadelos, a cineasta Cruz Risco e as primeiras policías locais, Marian Ledo e Begoña Villar.

O compromiso da Deputación coa igualdade non se reduce unicamente a este conxunto de faladoiros. Ao longo destes dous anos de goberno o organismo provincial mobilizou máis de 4 millóns de euros para poñer en marcha un amplo abanico de iniciativas que inclúen un novo impulso a proxectos existentes como “Aquí Faltan Páxinas” ou “Mulleres que Opinan”; un incremento dos recursos destinados a entidades e concellos para financiar a posta en marcha de accións en materia de igualdade, a creación de premios e certames como “Boas Prácticas en Igualdade”, “E ti que pensas da igualdade” ou “Mulleres no Foco”; a creación do Ateneo Provincial pola Igualdade ou a posta en marcha de campañas de prevención da violencia machista; e a aprobación de programas como o +Xuntas para mellorar a empregabilidade das mulleres nos concellos da provincia. “Unha longa lista de proxectos que teñen o obxectivo final de construír unha sociedade xusta e igualitaria”, subliñou López.

Recoñecemento á deputada Sandra Bastos

Da importancia deste tipo de iniciativas para acadar unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres falou a deputada Sandra Bastos, quen sinalou que “a igualdade é unha das nosas grandes prioridades e tamén que sumar vontades, sen crispación, dialogando, é o único xeito de conseguir avanzar cara un mundo máis xusto”. Un camiño no que a deputada redondelana achegou o seu gran de area co seu traballo á fronte da área de Igualdade e que, por motivos de organización, está a piques de rematar.

“Quixera recoñecer o traballo dunha firme defensora da igualdade, unha feminista vocacional e unha muller de primeira. Unha muller que entende a igualdade como un espazo amplo, cómplice e aberto, no que non hai cabida para divisións nin negacionismos; que traballa pola igualdade tendendo pontes e non ampliando fendas; e que entende que a igualdade é un movemento transversal que abrangue todos os eidos da sociedade, polo que non reside en ningún despacho”, valorou o dirixente, quen tamén quixo amosar o seu agradecemento “por estes dous anos tendendo pontes” e pola achega para conseguir que a provincia sexa “un pouco máis aberta, igualitaria e xusta”.

Un recoñecemento que estendeu ás protagonistas deste primeiro faladoiro do Aquí Faltan Páxinas. “Damos as grazas ás nosas alfombreiras, as que estades aquí e as que cada ano engalanan as nosas rúas; poñemos en valor un traballo que fortalece os lazos coa terra, dinamiza a vida social e fai máis atractiva e diversa a oferta turística das Rías Baixas; e convidamos a todo o mundo a que escoite tanto este podcast do Aquí Faltan Páxinas dedicado ás alfombreiras como os once que aínda están por vir”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.