A Deputación aconsella aplicar tratamentos cando as condicións meteorolóxicas o permitan para evitar a aparición de certos patóxenos e pragas de insectos en primavera

O persoal técnico de Areeiro alerta de que as condicións húmidas e pouco frías do outono-inverno dificultaron as tarefas agronómicas e poden incrementar os riscos na próxima campaña

10/02/2026

A Deputación de Pontevedra, a través dun novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, advirte de que as condicións meteorolóxicas rexistradas desde o pasado outono, especialmente a partir do mes de novembro, fan prever unha primavera complicada desde o punto de vista fitosanitario, con maior risco de aparición de determinados patóxenos e, en menor medida, de algunhas pragas de insectos.

Durante este período predominou unha climatoloxía húmida e pouco fría, que impediu ou dificultou a realización en condicións óptimas de moitas das intervencións agronómicas propias desta época, como as podas, as correccións para mellorar as propiedades do solo ou as sementeiras temperás. Co cambio de tempo que se agarda para a segunda quincena deste mes moitos solos non estarán preparados de inmediato para o traballo agrícola, tanto pola presenza de auga como pola necesidade de recuperar o estado físico axeitado do solo.

Desta maneira, nas froiteiras de pebida, as abundantes precipitacións impediron na maioría dos casos a aplicación de tratamentos invernais con cobre. Cando as condicións meteorolóxicas o permitan e con temperaturas suaves, o inicio do movemento do zume e o engrosamento das xemas constitúen un bo momento para aplicar tratamentos cúpricos, co obxectivo de reducir a incidencia futura de patóxenos recorrentes. Estes tratamentos poden renovarse coa apertura das xemas e, en variedades especialmente sensibles a enfermidades como o moteado, incluso realizarse unha terceira aplicación antes da floración.

Tamén no caso das froiteiras de óso, a elevada humidade dificultou os tratamentos preventivos fronte a enfermidades endémicas como a lepra ou a moniliose. Por iso o persoal de Areeiro recomenda aplicar polo menos un tratamento cando sexa posible, sendo especialmente importante facelo no momento no que as xemas comezan a inchar. Ademais, é fundamental eliminar froitos momificados, ramas secas, cancros ou síntomas de patoloxías da madeira, para reducir as fontes de infección na primavera.

Por outra banda, no cultivo do kiwi, a imposibilidade de realizar as podas en condicións secas favoreceu a entrada e expansión de bacterioses, especialmente da PSA (Pseudomonas syringae pv actinidiae). Por este motivo, recoméndase aplicar tratamentos en canto sexa posible, renovándoos segundo as características do produto, e asegurar a protección das plantas no momento da brotación. Tamén se aconsella eliminar previamente as ramas secas ou mortas polo patóxeno. Ademais, os cítricos e aguacates son moi sensibles aos ataques de Phytophthora spp., patóxenos asociados a solos excesivamente húmidos, e a acumulación de auga na zona das raíces e do colo das árbores pode provocar danos importantes e mesmo a morte dalgúns pés. Por iso, recoméndase evitar a presenza de auga estancada e eliminar con frecuencia os froitos afectados, tanto da árbore como do solo, especialmente cando se trate de especies que afectan directamente á froita.

Xa nas especies leñosas, as condicións dominantes desde o outono favoreceron tamén a presenza de Armillaria mellea, fungo causante da podremia branca das raíces e do colo en viña e noutras especies leñosas. Ademais da eliminación e destrución dos pés afectados, é conveniente mellorar a drenaxe do terreo e, cando sexa posible, empregar fungos beneficiosos como Trichoderma spp. para limitar o seu avance.

Por último, o persoal técnico de Areeiro lembra que, tras períodos prolongados de choiva, o risco de caída ou rotura das árbores non remata cando deixa de chover. A saturación dos solos reduce a ancoraxe das raíces, que ademais se atopan asfixiadas por falta de osíxeno, mentres aumenta o peso da madeira húmida. Esta combinación incrementa o risco de colapso mesmo en episodios de mellora do tempo. Por iso, en liñas xerais recomendan manter unha vixilancia constante das plantacións, adaptar as intervencións ás condicións reais do terreo e aproveitar os períodos de tempo seco para realizar actuacións preventivas que permitan reducir os riscos fitosanitarios na próxima primavera.