A Deputación aconsella renovar o antes posible a protección contra o mildio e o black rot

O persoal de Areeiro detectou a aparición de abundantes manchas novas de mildio e as primeiras zonas de avances en manchas antigas con tecido necrosado

16/05/2024

Picnidios ben visibles en macha black rot

A Deputación de Pontevedra aconsella a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana renovar a protección contra o mildio nas viñas o antes posible, empregando preferiblemente un funxicida sistémico por dous motivos: a relativa retroactividade das materias activas con esta propiedade e mais a súa capacidade de protexer os órganos en crecemento.

O persoal técnico da Deputación fai esta observación tras detectar a aparición de manchas novas abundantes nalgunhas viñas do Salnés, no Condado e no Rosal (malia que con menor incidencia ca observada no Salnés), especialmente en viñas que xa tiveran síntomas relativamente abundantes con anterioridade. Nalgúns predios observáronse síntomas novos (de momento só en folla) e moi incipientes, ao igual que en plantas abandonadas que só presentan síntomas cando o risco é moi elevado. Tamén se detectaron zonas de avance nalgunhas manchas antigas xa con tecido necrosado, cousa que nesta campaña aínda non se observara.

Por máis que as temperaturas estean sendo frescas, os técnicos de Areeiro lembran que esta sintomatoloxía procede do fin do período de incubación de diversas contaminacións primarias (que aínda se poden producir) e das infeccións secundarias correspondentes á primeira semana de maio. A meteoroloxía da semana anterior foi favorable ao patóxeno, e dada que a aparición xeral de síntomas aínda non rematou, Areeiro aconsella esa renovación urxente da protección.

En canto ao black rot, durante a inspección só se observaron avances nas plantas abandonadas, tanto en número de manchas como nos picnidios (corpos de frutificación). O patóxeno vese favorecido por temperaturas algo elevadas en condicións de humidade e, por este motivo, dadas as previsións de incremento das temperaturas para os próximos días e aproveitando a renovación das intervencións contra o mildio, o persoal de Areeiro aconsella empregar un funxicida con actividade fronte ao black rot.

Á marxe das viñas, na maceira Areeiro aconsella aplicar tratamento fronte ao patóxeno do moteado para evitar danos aos futuros froitos, por mor do aumento de temperaturas que se producirá tralo período de choivas. En canto á bolboreta do buxo, infórmase de que nalgunhas sebes queda algunha eiruga, pero na maioría continúan as crisálidas e xa comezan a nacer os primeiros adultos. Por último, no caso dos castiñeiros comezou o voo do tortrícido precoz que pode provocar a caída prematura dos ourizos, reducindo a futura colleita.

Galerias de imagenes