A Deputación constata a situación controlada do mildio nas viñas tratadas e recomenda vixiar o anticiclón previsto para os próximos días

O persoal técnico do Areeiro sinala que o anticiclón supón un risco baixo para o avance do fungo, e observa tamén unha boa situación en canto ao oídio ou o black rot, pero si máis síntomas tanto de acariose como de erinose

03/07/2026

A Deputación constata a situación controlada do mildio nas viñas tratadas e recomenda vixiar o anticiclón previsto para os próximos días

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, constata a boa situación respecto ao mildio no conxunto das viñas da provincia, ao que contribúen os ventos secos do norte ou o nordés que se veñen dando nos últimos días. Malia os primeiros síntomas de mildio larvado en acios detectados a semana pasada nalgúns predios, o persoal técnico comprobou que os focos non avanzaron, mesmo se houbo condicións favorables a este patóxeno durante algúns dos pasados días. Si se percibiron síntomas en plantas testemuña e outras sen tratamento, pero nas tratadas apenas se atoparon máis que nas zonas máis inaccesibles ás aplicacións por mor da elevada frondosidade das plantas.

As predicións para os próximos días anuncian anticiclón, con tempo seco e temperaturas moi altas, con ventos de dirección variable e xa non só de compoñente norte. Estas condicións tradúcense en riscos medios ou baixos de mildio, e co avance da fenoloxía da uva cada vez é menos sensible a este, polo que o persoal do Areeiro recomenda manter a vixilancia das viñas e da meteoroloxía, porque coa calor poden desenvolverse tormentas. Tamén sinalan a importancia de non aplicar tratamentos con condicións de vento incompatibles coas boas prácticas e desaconsellables para as persoas e o medio ambiente: deben aplicarse sempre por baixo dos 11 km/h, sen axitación constante das follas ou movemento de pólas. Ademais, cómpre non descoidar os labores de cultivo ou labores agronómicos que favorezan a aireación dos acios para axudar a manter o bo estado que teñen, en xeral, neste momento.

En canto ao oídio, a situación é similar á do mildio: en plantas sen tratamento durante a campaña víronse novos síntomas en folla e en acios, e nas variedades máis sensibles os grans amosan a dureza característica dos ataques deste fungo, mesmo empezándose a ver rachos na pel. Nas tratadas apenas se viron síntomas moi febles nun acio de dous predios, o que indica que as intervencións están a controlar o fungo. As posibles néboas dos próximos días son favorables ao seu desenvolvemento, polo que cómpre manter a vixilancia tanto nas variedades sensibles, e mais onde rematase ou estea próximo a rematar o período de protección. Non se observaron síntomas de black rot, e coa proximidade do pintado diminúe a sensibilidade dos acios respecto a el, polo que o risco está entre baixo e medio baixo, sempre que se cumpran as condicións meteorolóxicas previstas.

Ademais, en canto ás avelaíñas do acio, esta semana producíronse poucas capturas de Lobesia botrana (malia que se informou de cifras superiores noutras trampas) e ningunha de machos de Eupoecilia ambiguella. Si se atoparon perforacións coa eiruga comezando a alimentarse, pero ningún outro indicio, polo que non cómpre realizar intervencións.

En canto ao vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, este venres comezou o prazo para poder realizarse o segundo tratamento, 15 días despois do primeiro (19 de xuño). Poden consultarse as recomendacións do tratamento no texto completo do aviso. En canto á acariose e á erinose, os síntomas están a ser cada vez máis evidentes. Continúan a aparecer plantas con síntomas de seca, en especial en solos areosos e pobres e en plantas debilidades, ademais de síntomas de patoloxías de madeira.

O aviso fitosanitario tamén inclúe recomendacións para a bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis, da que non se detectaron síntomas fortes nin tampouco unha ampla distribución das eirugas da especie. Cómpre manter a vixilancia porque a situación pode cambiar, e se as poboacións de eirugas se incrementan en exceso, poden provocar fortes defoliacións que debiliten (ou cheguen a matar) as plantas.