Luis López adianta a traballadores do sector do mar unha liña de axudas de 350.000€, que dobra os recursos para investimentos e o mantén o apoio ao gasto corrente

O presidente provincial, acompañado polos deputados Jesús Vázquez Almuíña e Marcos Guisasola, visita as instalacións da confraría de pescadores La Anunciada de Baiona para explicar as bases da convocatoria que repartirá ata 40.000€ a cada beneficiario

06/03/2025

Luis López na confraría de pescadores La Anunciada de Baiona

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a aprobación o vindeiro venres en xunta de goberno da liña de subvencións para confrarías de pescadores da provincia que para este ano acada os 350.000 euros. Unha suba de 100.000 euros no orzamento con respecto ao ano anterior que o mandatario provincial presentou este xoves nun encontro en Baiona cos membros da confraría La Anunciada. “Este venres levamos a Xunta de Goberno a nova liña de axudas para o ano 2025 que vai supoñer un incremento do 40 % dos fondos e imos seguir subvencionando gasto corrente”, sinalou Luis López, despois de repasar os distintos encontros que mantivo coas confrarías nunha visita as instalacións do pósito de Baiona acompañado polo alcalde e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, así como polo deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

Esta nova liña de subvencións para confrarías de pescadores da provincia está dotada cun orzamento de 350.000 euros e, como na convocatoria anterior, volve permitir empregar estes recursos a sufragar gasto corrente. “Nese proceso de escoita ao sector nos trasladaban a necesidade de financiar gasto corrente e abrimos unha excepcionalidade porque non tiña moito sentido axudar a facer investimentos cando dificilmente se daban cuberto os gastos correntes”, puntualizou López antes de confirmar non so o mantemento desta medida para a convocatoria deste ano 2025, senón o reforzo do importe ata os 200.000 euros.

O plan de axudas a confrarías deste ano rexistra un incremento do 40 % no orzamento e repartirá entre os beneficiarios subvencións comprendidas entre os 600 e os 40.000 euros para financiar ata o 80 % do investimento proxectado. O programa contempla dúas liñas de apoio. Por un lado, unha destinada a promover investimentos dotada con 150.000 euros para, por exemplo a adquisición de material de vixilancia, elementos de transporte, realizar proxectos de construción ou mercar mobiliario. Por outro lado, unha segunda liña dotada con 200.000 euros para sufragar gasto corrente relacionado cos gastos de combustible ou electricidade, así como a adquisición de semente de moluscos bivalvos ou gastos de persoal.

Na súa visita, Luis López tamén aproveitou para dar os parabéns aos responsables desta confraría que engloba profesionais da comarca do Val Miñor e do sur da provincia. O mandatario provincial aplaudiu a decisión da entidade de destinar os case 28.000 euros que recibiron na convocatoria do ano anterior tanto a sufragar gastos de persoal, como para mellorar o seu servizo coa compra dunha furgoneta equipada coa tecnoloxía necesaria para un axeitado transporte do marisco. Despois de amosar o seu agradecemento pola invitación, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación co sector pesqueiro. “Este sector ten unha importancia estratéxica para a economía, o emprego, o reto demográfico e a sustentabilidade, a Deputación seguirá apoiando e poñendo todos os recursos posibles á vosa disposición”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.