A Deputación aproba as bases da convocatoria de axudas aos servizos de normalización lingüística da provincia, dotada con 200.000 euros
Con estes recursos as entidades locais poderán crear ou ben manter e reforzar servizos de normalización lingüística
31/01/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases das subvencións para a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística. Esta liña, tal e como sinalou o presidente, está dotada de 200.000 euros e vai destinada aos concellos e outras entidades locais da provincia. “Estamos a axudar a consolidar o uso do galego como principal lingua de traballo e de comunicación nos concellos da provincia e, como saben, para nós, protexer e promover a nosa lingua é un obxectivo prioritario”, asegurou López.
A través desta liña de axudas, os concellos de menos de 50.000 habitantes ou agrupacións de concellos, mancomunidades e entidades locais menores poderán recibir un máximo de ata 35.000 euros para a creación dos servizos de normalización lingüística, financiando o 100% do seu orzamento de gastos.
Ademais, os concellos de menos de 20.000 habitantes e tamén as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia, no caso de contar con este servizo poderanse beneficiar das axudas para o seu mantemento e reforzo cunha contía máxima de 25.000 euros, que non poderá superar o 80% do seu orzamento de gastos. Neste segundo suposto poderanas solicitar sempre e cando no momento da publicación da convocatoria xa conten cun servizo lingüístico en activo, e co obxecto de melloralo contratando máis persoal ou incrementando a xornada laboral do seu persoal.