A Deputación de Pontevedra ultima os días para que os clubs deportivos que compiten no ámbito estatal soliciten as axudas provinciais, que este ano medran ata acadar un millón de euros

O prazo para solicitar estas axudas, que outorgarán ata entre 13.000 e 38.000 € a cada entidade, remata o xoves 7 de maio

01/05/2026

A Deputación mantén aberto ata o xoves 7 de maio o prazo para que os clubs deportivos que compitan no ámbito estatal soliciten as axudas provinciais, que este ano medran ata acadar un millón de euros e outorgarán a cada entidade un máximo de entre 13.000 e 38.000 euros. O pasado ano beneficiáronse desta liña de axudas, dirixidas a facilitar o acceso ao deporte e a fomentar a participación en competicións organizadas polas federacións, un total de 76 clubs procedentes de 24 concellos da provincia de Pontevedra.

As axudas están divididas en tres niveis de competición. O primeiro abarca modalidades nas que a categoría absoluta ou sénior teña formato de liga por equipos con 5 ou máis deportistas no espazo de competición, con xornadas de ida e volta, e ascensos e descensos. O segundo nivel inclúe modalidades nas que esa liga por equipos teña 4 ou menos deportistas no espazo de competición e ascensos e descensos de nivel. Por último, no terceiro sitúanse as modalidades nas que a categoría absoluta ou sénior teña clasificación final individual ou por equipos e estean incluídas nun calendario oficial da temporada da que resulte a clasificación final. As cantidades máximas que poderá recibir cada club oscilan entre os 13.000 e os 38.000 euros, sempre que non se supere o 40% do orzamento presentado.

Entre os gastos subvencionables atópanse os federativos, os de competicións e adestramento, os de persoal, os de material deportivo e os sanitarios. Quedan excluídos os de seguros, telefonía, ITV ou calquera que non teña relación coa actividade deportiva subvencionada. Os clubs deberán contar cun equipo inscrito nalgunha das competicións oficiais de ámbito estatal establecidas nas bases, ou participar con algún equipo ou deportista en categoría absoluta nas competicións oficiais dese ámbito.