A Deputación pon en marcha as axudas para que as mulleres da provincia poidan completar a súa formación como adestradoras, xuízas e árbitras, dotadas con 30.000 euros
As achegas, que se concederán por concorrencia non competitiva, permitirán afrontar gastos de matrícula de ata dous cursos oficiais ou formacións federativas e o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de novembro
11/11/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para solicitar a liña de axudas dotada con 30.000 euros, 5.000 máis que o pasado ano, para que mulleres da provincia poidan financiar os estudos que lles permitan acceder aos postos de técnicas ou adestradoras en clubs deportivos e de xuízas e árbitras nas diferentes modalidades deportivas. Estas axudas, que se concederán por concorrencia non competitiva, poderanse solicitar ata o 30 de novembro.
As axudas permitirán subvencionar ata o 100% da matrícula dos cursos, un máximo de dous por persoa e un importe máximo de 600 euros por formación. En concreto, poderán financiar os diferentes títulos oficiais que dean acceso, nas diferentes modalidades, aos postos de adestradora ou técnica, xuíza ou árbitra, que poderán ser impartidos polas federacións deportivas (autonómicas ou estatais) ou polos diferentes centros de ensinanzas deportivas de réxime especial. Ademais, tamén son subvencionables os gastos de matrícula das formacións federativas iniciadas en 2026 para obter o diploma que capacita para adestrar a deportistas en idade escolar e participar en competicións federativas. Este ano, ademais, poderán financiar os gastos derivados da expedición dos títulos oficiais ou diplomas federativos correspondentes ás formacións subvencionadas, incluídos os dereitos de expedición e tramitación necesarios para a súa obtención. En calquera caso, a matrícula deberá ser realizada este ano e os estudos deben rematarse antes de final de ano ou comprender o curso lectivo 2026/2027.
O pasado ano beneficiáronse desta liña de axudas 80 mulleres de 22 concellos da provincia. Para optar ás axudas da convocatoria deste ano, as interesadas deberán presentar a solicitude antes do 30 de novembro a través da Sede electrónica da Deputación ou de maneira presencial. No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) poden consultarse as bases da convocatoria e a documentación que é necesario achegar.