A Deputación ultima os días para solicitar a nova liña de axudas aos concellos dotada de 75.000 € para financiar material e eventos de promoción turística
Con esta nova liña de axudas a Deputación busca favorecer o incremento de visitantes, contribuír á desestacionalización e posicionar a provincia como un destino de calidade e sostible
04/07/2026
A Deputación ultima os días para solicitar a nova liña de axudas para que os concellos da provincia de Pontevedra poñan en marcha accións de promoción turística, dotada de 75.000 euros. Con esta nova liña de axudas, cuxo prazo de solicitude remata o 10 de xullo e que permitirá financiar tanto material como eventos de promoción, a institución provincial busca favorecer o incremento de visitantes, contribuír á desestacionalización e posicionar a provincia como un destino de calidade e sostible.
As axudas están divididas en dúas liñas, cunha primeira para material na que se poderá financiar o deseño, maquetación e produción de accións físicas e dixitais que sexan perdurables no tempo. O material deberá contribuír á promoción do destino Rías Baixas e á mellora da súa imaxe, respectando os principios de sostibilidade, accesibilidade e coherencia coa marca. Non se financiarán, entre outros, os gastos de distribución ou merchandising.
Pola súa banda, a segunda liña financiará eventos de promoción turística que teñan como obxectivo xerar experiencias directas, atraer visitantes e poñer en valor os recursos turísticos do seu territorio. Neste eido, financiaranse os custos de alugueiro de equipos, produción e coordinación ou difusión, pero non o protocolo ou o caché dos artistas, entre outros.
O máximo que poderán recibir os concellos serán 5.000 €, e, en todo caso, tanto se solicitan recursos nunha ou se o fan nas dúas liñas. Financiarase ata o 40% para os que teñan oficinas ou puntos adheridos á Rede INFO RÍASBAIXAS, ata o 35% para municipios declarados de interese turístico ou que teñan algunha celebración con esta distinción, ata o 30% se teñen edificios municipais co certificado SICTED, e ata o 25% o resto.
A Deputación pon en marcha estas axudas co obxectivo de xerar impacto económico, potenciar o patrimonio e a cultura da provincia e reforzar a identidade das Rías Baixas. O material de promoción é unha ferramenta esencial de comunicación cos visitantes potenciais, permitindo interactuar co destino e que se converta nun recordo duradeiro. Ademais, os eventos permiten xerar experiencias e espertar interese en coñecer un destino. Ambos son instrumentos estratéxicos de promoción cun retorno real que contribúen aos principais obxectivos desta nova liña.