A Deputación destina preto de 300.000 € para mellorar a atención en 32 oficinas da Rede INFO RÍASBAIXAS

Luis López: “Estamos nun momento crucial para o turismo, tras alcanzar a meta de que o turismo estranxeiro xa supere o turismo nacional, e queriamos que os concellos dispuxesen dos recursos antes do período de maior repercusión do noso destino”

26/06/2026

Luis López na conferencia de prensa do 26-06-2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión das axudas para a prestación dos servizos de información e atención ao público das oficinas adheridas á Rede INFO RÍASBAIXAS, dotadas de 280.000 €. O presidente Luis López sinalou que “recibirán os recursos un total de 32 oficinas de 29 concellos da provincia”, e sinalou que se trata dun incremento respecto ás 29 oficinas que se beneficiaron das achegas o ano pasado, cando o orzamento desta liña era 20.000 euros inferior á actual convocatoria.

Os recursos permitirán financiar os custos salariais dos empregados que presten o servizo de información e atención, ou tamén os gastos derivados. O presidente Luis López asegurou que “estamos nun momento crucial para o turismo, ás portas do período de maior repercusión do noso destino”, e por iso “queriamos que os concellos dispuxesen destes recursos a tempo para poder financiar o reforzo da atención”. A este respecto, o presidente puxo en valor que “por fin acadamos a nosa gran meta de que o turismo estranxeiro xa supere o turismo nacional, e polo tanto manter a boa imaxe das Rías Baixas é máis importante ca nunca”.

Na área de Arousa, repártense recursos para oficinas de Cambados (13.600 €), Catoira (7.000 €), O Grove (14.000 €), A Illa de Arousa (7.000 €), Meaño (5.500 €), Ribadumia (7.000 €), Sanxenxo (14.000 €), Vilagarcía de Arousa (14.000 € para a oficina municipal e a do Museo do Ferrocarril) e Vilanova de Arousa (14.000 € para a oficina da Estación Marítima e a da Casa-Museo de Valle-Inclán).

No sur da provincia, benefícianse das axudas oficinas de Baiona (14.000 €), Gondomar (7.000 €), A Guarda (7.000 €), Mondariz Balneario (7.000 €), As Neves (7.000 €), Nigrán (8.000 € para as oficinas de Nigrán e A Ramallosa), Oia (6.500 €), Ponteareas (7.000 €), O Porriño (7.000 €), Redondela (7.000 €), Salvaterra de Miño (7.000 €), Soutomaior (7.000 €) e Tui (14.000 €).

Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, reciben recursos A Estrada (7.000 €), Lalín (7.000 €) e Silleda (7.000 €). En canto á do Morrazo, oficinas de Bueu (7.000 €), Cangas de Morrazo (14.000 €) e Marín (7.000 €). Ademais, na área de Pontevedra, recibe achegas o concello de Poio (7.000 €).

“Queremos mellorar a experiencia dos nosos visitantes ao mesmo tempo que impulsamos a profesionalización do sector, dúas cuestións fundamentais se queremos seguir sendo o motor turístico de Galicia”, concluíu Luis López.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.