Luisa Sánchez reivindica o deporte na rúa coa Copa 5x5 de Balonmán, que percorrerá Cangas, Poio e Vigo
A vicepresidenta da Deputación participou na inauguración deste evento, que encherá de deporte a vila do Morrazo durante esta fin de semana
11/09/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, participou en Cangas na inauguración da Copa 5x5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026, unha iniciativa da Federación Galega de Balonmán que conta co apoio da institución provincial e que naceu co obxectivo de sacar este deporte dos pavillóns e achegalo directamente ás rúas.
A Copa 5x5 de Balonmán na Rúa naceu en 2024 para promover o balonmán entre os nenos e nenas, transformando prazas, paseos marítimos e outros espazos urbanos en pistas deportivas. A edición deste ano terá tres sedes: Cangas, Poio e Vigo, onde o circuíto rematará, levando a competición a lugares céntricos e de gran tránsito. As categorías participantes serán benxamín e alevín, con equipos mixtos.
Luisa Sánchez felicitou á Federación Galega de Balonmán pola organización dun torneo que encherá o Paseo Marítimo de Cangas de actividade deportiva entre o 11 e o 13 de setembro.
Así mesmo, puxo en valor o carácter próximo da Copa 5x5 de Balonmán na Rúa e recoñeceu a súa particular predilección por aquelas iniciativas que poñen ao alcance de todo o mundo. “Son unha apaixonada do deporte, pero sinto unha debilidade especial por todas as disciplinas que sacan o deporte á rúa”, sinalou.
Neste sentido, destacou a capacidade do Balonmán 5x5 para introducir novas formas de practicar e vivir este deporte, nun momento no que os clubs buscan fórmulas para conectar coas novas xeracións.