Luis López anuncia unha nova liña de axudas dotada de 600.000 euros para que as asociacións financien obras nos seus centros
As obras de construción, rehabilitación, ampliación e reforma dos locais deberán ter un custo mínimo de 100.000 euros, dos que a Deputación financiará ata 80.000 € e un máximo do 80% do orzamento
12/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación das bases dunha nova liña de axudas coas que a institución provincial vén reforzar o seu compromiso coas entidades de iniciativa social da provincia. Dotada de 600.000 euros, a liña está destinada a que as entidades sociais poidan financiar a realización de obras nas súas instalacións.
Con estes recursos, tal como detallou o presidente provincial, "poderán facer fronte á construción, rehabilitación, ampliación e reforma dos centros de entidades de iniciativa social nos anos 2025 e 2026". A través do seu financiamento, a Deputación busca "promover a mellora dos inmobles a través de actuacións de conservación e funcionalidade dos edificios, eficiencia enerxética, seguridade e accesibilidade universal".
O importe mínimo das actuacións será de 100.000 euros, mentres que a achega máxima que poderán recibir as entidades será de 80.000 €, sen que en ningún caso poida exceder o 80% do importe total. As obras poderán realizarse tanto en inmobles que sexan da súa titularidade como noutros sobre os que teñan un dereito de uso por un mínimo de 5 anos, a contar desde a data de solicitude das axudas. Quedarían excluídas, polo tanto, actuacións en locais en réxime de alugueiro.
Luis López sinalou que, "despois de estar esquecidas durante oito anos", o goberno actual da Deputación "amosa así o seu compromiso coas entidades de iniciativa social, así como con todo o tecido asociativo da provincia de Pontevedra, que atopa agora en nós todas as facilidades para impulsar os seus proxectos".
