A Deputación activa a terceira edición de +Escénicas, cun 36% máis de recursos desde a súa posta en marcha para apoiar a programación de teatro e danza nos concellos
A nova entrega do circuíto contará con 204.000 euros para que os concellos poidan programar ata 5 actuacións de teatro e danza cada un entre abril de 2026 e marzo de 2027
24/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases da terceira edición do circuíto +Escénicas, que seguirá impulsando as artes escénicas en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Esta nova edición do circuíto provincial de artes escénicas contará cun 36% máis de recursos que na súa primeira entrega, pasando dos 150.000 do 2024-2025 aos 204.000 euros deste 2026-2027.
Os concellos beneficiarios recibirán ata 4.000 euros, fronte aos 3.800 da segunda edición, para sufragar os espectáculos en réxime de cofinanciamento, desde o 90% para os concellos de menos de 5.000 habitantes ata o 80% nos concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes, e ata o 70% nos concellos de máis de 10.000 habitantes. Poderán seleccionar ata cinco espectáculos e no caso de solicitar entre catro e cinco obrigatoriamente un deles deberá de ser de danza.
Na actualidade as compañías de artes escénicas interesadas en formar parte de +Escénicas están en prazo de inscribirse ou modificar os seus espectáculos, que estarán incluídos no catálogo dispoñible na web da Deputación de Pontevedra, ata o 28 de febreiro. Unha vez pechado o catálogo, os concellos terán de prazo entre o 16 e o 31 de marzo para facer as súas solicitudes, e os espectáculos deberán ter lugar entre o 1 de abril de 2026 e o 31 de marzo de 2027.