A Deputación abre ata o 12 de marzo o prazo para que entidades sen fins de lucro da provincia soliciten as axudas para a organización de festivais musicais e de artes escénicas dotadas con 200.000 €
Esta liña de axudas, que incrementou o seu orzamento en 30.000 € con respecto ao pasado ano, ten por obxectivo apoiar a organización de festivais e certames que lles dediquen especial atención á programación e á difusión da música e o teatro galegos
15/02/2026
A Deputación de Pontevedra ten aberto o prazo para que entidades sen ánimo de lucro opten ás axudas económicas para desenvolver festivais musicais e de artes escénicas. Trátase dunha liña de achegas dotada con 200.000 euros, un aumento de 30.000 € con respecto ao pasado ano, coas que a institución provincial pretende apoiar a organización deste tipo de festivais ou certames que lles dediquen especial atención á programación e á difusión do cine en galego.
Estas axudas da Deputación contan con dúas liñas: a dirixida a festivais musicais, dotada de 150.000 €, sempre que se celebren durante este ano, como mínimo en dúas xornadas e con 8 grupos, dos que 4 serán galegos; e a dirixida a festivais de artes escénicas, dotada con 50.000 € e tamén para eventos que se celebren en dúas xornadas, con 8 compañías das que 4 serán galegas. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 12 de marzo e, cos recursos provinciais, subvencionaranse desde infraestruturas e espazos para as actuacións, ata gastos de contratación, de xestión, de comunicación, cachés ou de galardóns e premios.
O pasado ano estas axudas provinciais distribuíron 170.000 € entre 16 festivais musicais e de artes escénicas da provincia como o Xacobeo Percute e Desfoga (Cambados); As Nosas Músicas (A Estrada); o Galaico Brass Festival e o FIP Merza Percusión (Vila de Cruces); a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o Kanekas Metal Fest (os dous de Cangas do Morrazo); The Wild, Encordass Fiddle Fest Grecia, Festival Vertixe 13 e o Revoltallo de Música e Cultura Emerxente (Vigo); O Rosal Cámara Fest (O Rosal); o Festival Rock in Río Tea (Ponteareas); o Festival Internacional de Títeres de Redondela e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela), e o Sementeira (Salvaterra de Miño).