A Deputación recibe unha achega de 37.000 euros da Xunta para o labor de identificar, vacinar e esterilizar de cans do CAAN

No centro recupéranse estes días catro cachorros que foron abandonados xunto a un colector de lixo en Vilaboa

13/11/2023

Cachorros CAAN

O labor que desenvolve o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra no coidado animal acaba de ser apoiado pola Xunta de Galicia coa concesión dunha achega por preto de 37.000 euros para financiar os gastos derivados da compra de alimentos, así como da esterilizacións de cans, da identificación con microchip, e da vacinación realizadas nas instalacións da Armenteira. Estas axudas concédenselles en réxime de concorrencia competitiva ás entidades locais para actuacións encamiñadas a protexer os animais domésticos de compañía abandonados en Galicia.

Cómpre destacar que todos os cans que saen do centro en adopción o fan vacinados, identificados cun chip, desparasitados e esterilizados; así, entre o 1 de setembro do 2022 e o 31 de agosto deste 2023 realizáronse un total de 808 identificacións e 394 esterilizacións. En total, recolléronse 1.511 animais nos 52 concellos adheridos a este servizo na provincia.

O centro traballa as 24 horas do día e os 365 días do ano con servizos de recollida e veterinario de urxencia. Estes últimos días, o CAAN recolleu unha camada de catro cachorros que apareceron abandonados nunha caixa xunto a un colector de lixo en Vilaboa. Son dúas femias, Rosalía e Flabia, e dous machos, Aldán e Anxo, que deben ter arredor de vinte días de vida e se atopan en boas condicións.

Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. Estas son gratuítas e o persoal asesora as persoas sobre a cadela ou can que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas coma para formalizar as adopcións é preferible pedir cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou  886 217 391.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.