A Deputación reforza a xestión do CAAN e do servizo de recollida de animais abandonados para axudar aos concellos

A institución provincial investirá 1,4 millóns de euros na prestación deste servizo do que se benefician 52 concellos da provincia e que executará Tragsatec ata finais de 2025

 

22/12/2023

A Deputación de Pontevedra reforzará a xestión do servizo de recollida de animais abandonados na provincia e do Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira (CAAN) para axudar aos concellos da provincia. O presidente, Luis López, informou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar destinar 1,4 millóns de euros nos próximos dous anos á prestación deste servizo, que afecta ao interese xeral e a aspectos esenciais de sanidade, orde pública e medio ambiente, do que se benefician 52 concellos da provincia e que executará Tragsatec.

Ao detalle, a Deputación de Pontevedra encargarase desde a recollida de animais abandonados e/ou vagabundos as 24 horas dos 365 días do ano, ata a recollida de animais con propietaria ou propietario que, por causas xustificadas, non poden ser atendidos; a localización de persoas propietarias; a colaboración con diferentes autoridades competentes no comiso e retirada de cans; a xestión da entrega de animais; así como as actividades de esterilización de gatos procedentes das colonias felinas dos concellos da provincia de Pontevedra, con menos de 20.000 habitantes, que conten xa cun sistema de xestión destas colonias.

Ademais, no CAAN levaranse a cabo tarefas de mantemento e coidado dos animais recollidos; limpeza e desinfección das instalacións; identificación dos animais non identificados e/ou adoptados, previo á súa saída do centro; revisión e tratamento sanitario de animais abandonados nas primeiras 24 horas desde a súa entrada; asistencia veterinaria; esterilizacións e xestión de adopcións e cesións de animais declarados abandonados a particulares.

Tamén se contempla a colaboración no deseño e desenvolvemento de campañas de adopción; a formación e asesoramento de persoal técnico e autoridades municipais para o exercicio das súas competencias; os controis, a vixilancia e a argumentación dos expedientes administrativos; o inicio e seguimento de expedientes de protección animal e en materia de animais potencialmente perigosos; a realización de estudos e informes solicitados por diferentes concellos sobre as actuacións realizadas e sobre a valoración das condicións de mantemento dos animais e a colaboración en investigación sobre saúde e benestar animal.

A Deputación de Pontevedra atende a través do CAAN unha media de entre 230 e 250 animais nas instalacións da Armenteira. Desenvolve tamén un esforzo para fomentar as adopcións e previr o abandono animal, con campañas de concienciación e actuacións de colaboración que implicaron, tal e como explicou o presidente, Luis López, que neste ano 2023 se teñan superado as 585 adopcións.