Carmela Silva enxalza o traballo de Alborada con “Verdear”, o programa de axuda a persoas con condutas aditivas co que colabora a Deputación

Desde 2016 a institución destinou 105.000 € ao centro para impulsar iniciativas terapéuticas educativo-sociais como este programa de axuda a través da agricultura ecolóxica

21/02/2023

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá en Vigo as instalacións de Cotogrande onde Alborada desenvolve o proxecto “Verdear”, un espazo de adestramento educativo-social e de continuidade terapéutica para axudar a superar as condutas aditivas a través da agricultura ecolóxica, co que a institución provincial colabora anualmente con 15.000 €. O presidente do centro Alborada, José Ignacio Jiménez, xunto ao director-xerente, Jesús Cancelo, e outras persoas da Xunta Directiva da asociación, así como integrantes do equipo terapéutico, persoas usuarias e familiares, e representantes da Comunidade de Montes de Cabral, que cede os terreos para o programa, foron os encargados de recibir a unha “inmensamente agradecida” Carmela Silva que enxalzou o exemplarizante labor de Alborada para o conxunto da sociedade: “deberiades ter o seu aplauso unánime”.

“Foi unha mañá de persoas compartindo un espazo e un proxecto, un tempo de reflexións profundas que deben servir para cambiarnos. Os seres humanos somos moitas cousas e, sobre todo, emocións que nos fan acertar e errar: todas e todos caemos e erguémonos, e tomamos decisións que teñen que ver cun mundo que non nos educa para ser libres, que nos leva a non ser felices e a buscar a felicidade onde non está”, reflexionou a presidenta na súa visita ás instalacións de Verdear. “Son consciente das dificultades económicas que ten a asociación e de que a axuda que vos damos non é suficiente, pero non é doado apoiar proxectos vinculados ás políticas sociais porque como administración local non temos competencias”, asegurou Carmela Silva que, aínda así, se comprometeu a aumentar o financiamento e apoio a Alborada.

Dende o 2016 a Deputación destinou 105.000 € a Alborada para impulsar “Verdear”, un proxecto que está a beneficiar a 63 persoas da área de influencia de Vigo, atendendo a persoas procedentes do Porriño, Redondela, Baiona, Nigrán ou dos concellos do Baixo Miño. Esta iniciativa promove actividades no eido formativo (cursos de capacitación en agricultura ecolóxica, xardinería, poda e peón forestal), ocupacional (mantemento da horta, transformación de produtos e mellora das instalacións), do lecer (saídas culturais, deportivas ou laborais con actividades de sendeirismo ou cicloturismo), de emprendemento (promover inserción en empresas, centro especial de emprego e traballo autónomo) e terapéuticas (cun seguimento realizado desde os centros asistenciais de orixe das persoas usuarias).  A través de “Verdear”, Alborada pon o foco en cuestións que coinciden con prioridades do goberno provincial, como son a sostibilidade e a igualdade. O pasado 2022 a asociación celebrou os seus 40 anos de historia prestando axuda ás persoas drogodependentes, un labor que lle valeu a Cruz Branca da Orde ao Mérito concedida pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. 

Galerias de imaxes

videos