Carmela Silva referenda o apoio da Deputación ao Club Ciclista Vigo-Rías Baixas “que ten unha historia de amor coa provincia: onde vai imos todas e todos”

A presidenta  provincial desexou os mellores éxitos ao equipo na súa visita á concentración previa en Mondariz Balneario antes de iniciar a tempada: “Esta é a provincia do ciclismo”

31/01/2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou hoxe xunto ao deputado de Deportes, Gorka Gómez, á plantilla do Club Ciclista Vigo-Rías Baixas na categoría elite-sub23, que permanece de concentración no concello de  Mondariz-Balneario antes de iniciar a súa décima tempada que arranca en Murcia o próximo venres coa Volta ao Guadalentín. Carmela Silva, a quen tamén acompañou o alcalde, José Antonio Lorenzo, desexou moitos éxitos para este novo ano aos deportistas deste equipo, que o pasado 2021 proclamouse o mellor club de España na súa categoría, e volveu subliñar que Pontevedra “historicamente é a provincia do ciclismo, de aquí saíron as maiores figuras e distincións e non hai premio de ningunha competición onde non haxa alguén dun equipo desta provincia, teña nacido nela ou non”.

A presidenta destacou que o club vigués “que leva o nome das Rías Baixas e polo tanto fala dun territorio que é moi especial, é un club de éxito que ten unha historia de amor coa nosa provincia, ao igual que o ciclismo , e alí onde vai este club imos todas e todos nós, fan unha gran promoción”. “Síntome moi orgullosa deste club e de todos os deportistas que forman parte del, e non hai nada máis grande que todos os méritos que ten acadado –engadiu  en referencia por exemplo ao ciclista do club Noel Martín, que acadou unha medalla de bronce como guía de Christian Venge nos Xogos Paralímpicos de Tokio-. Esta provincia é a gran referencia do deporte en Galicia en todas as disciplinas e non hai máis que ver o medalleiro a nivel galego, nacional e internacional, e incluso nas Olimpiadas. As e os deportistas desta provincia sempre lles dan a maiores alegría a Galicia, pero se hai un deporte onde a provincia é a raíña é este”. Neste senso, destacou a importancia do regreso da Volta á Galicia e a importancia “de ter clubs na elite, pero tamén no deporte base”.

Carmela Silva apuntou que para a Deputación é unha obriga o apoio a este club e ao deporte da provincia, “porque as institucións temos que promover espazos e dotacións que atraian e que xeren riqueza e emprego para manter a poboación creando oportunidades”. Pola súa banda, o presidente da entidade deportiva, José Luis Chamorro, agradeceu o apoio da presidenta e da institución provincial e subliñou que “nestes últimos anos estamos os maiores éxitos na historia do club; Carmela Silva tróuxenos moita sorte; se por nós fora sería a presidenta do Club Vigo-Rías Baixas”.

O Vigo-Rías Baixas foi fundado en 1991 e comezou a súa actividade competitiva no 2013. O pasado ano adxudicouse por primeira vez na súa historia a xeral final do Ranking  Élite de la Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Conseguiu 18 vitorias  para acadar este éxito tan grande para o ciclismo galego que converteu ao club vigués no mellor club de España na categoría de elite grazas ao traballo de todo un equipo.

 Durante estas xornadas de concentración os ciclistas acumulan quilómetros de adestramento polas estradas do sur da provincia e reciben charlas formativas de aspectos como nutrición e comunicación. Para afrontar un calendario que se prolongará ata outubro, o Vigo-Rías Baixas realizou 8 incorporacións que se suman á decena de ciclistas que continúan na plantilla.  A dirección del club aposta para o seu novo proxecto por corredores de proxección e especialmente polos grandes talentos do ciclismo galego, reunindo nas súas filas a cinco ciclistas autonómicos de idade sub23. Ao igual que sucedeu a pasada campaña, unha data marcada no calendario será a celebración da Vigo Copa de España, a carreira organizada pola entidade e que o 15 de maio porá o punto final ao calendario da Copa de España 2022. En total, amais da Élite, o club conta con arredor de 90 deportistas nas categorías Sub-23, BTT, CX, categorías inferiores e Escolas Deportivas.

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.