Luisa Sánchez anima a gozar da música tradicional galega no Ifevi o 17 de xaneiro co Certame de Rondallas de Vigo, “o mellor da provincia”
A oitava edición do evento contará coa participación de 18 agrupacións da cidade olívica, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui
29/11/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, animou este sábado a gozar da música tradicional galega co Certame de Rondallas de Vigo, que se celebrará o 17 de xaneiro no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) coa participación de 18 agrupacións procedentes da cidade olívica, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui.
Durante a presentación da oitava edición do evento, que tivo lugar este sábado na delegación da Xunta en Vigo coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e da delegada territorial, Ana Ortiz, a representante provincial erixiu a este certame no “mellor da provincia”, como demostra cada ano o seu éxito de público con preto de 5.000 asistentes. Do mesmo xeito, amosou a súa satisfacción por ver medrar o concurso con catro agrupacións máis que na última edición.
Luisa Sánchez destacou que a Deputación revalida o seu apoio a este evento achegando 10.000 euros co obxectivo de “conservar e difundir unha tradición que forma parte da nosa cultura máis fonda”. Neste senso, gabou o labor da Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, entidade organizadora do concurso, pola súa posta en valor do valor etnográfico e histórico das rondallas.
Por último, a vicepresidenta provincial recordou a “experiencia única” que supuxo, durante a pasada edición, a rodaxe da película ‘Rondallas’, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo. A este respecto, non ocultou as súas “gañas” de ver o filme, que se estreará en cines o próximo 1 de xaneiro.
