Pablo Carpintero e Rosa Sánchez ofrecen este venres no Museo de Pontevedra unha charla-concerto sobre as gaitas de fol na provincia, entre as que se atopan as máis antigas do mundo

Na súa intervención, que terá lugar ás 19:00 horas no Edificio Castelao, darán conta dos resultados da investigación para datar un punteiro de gaita antigo conservado no museo que foi propiedade de Perfecto Feijoo

12/02/2024

Cartel da charla concerto

Os investigadores e músicos Rosa Sánchez e Pablo Carpintero ofrecerán este venres 16 de febreiro, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, a charla-concerto “As gaitas de fol na provincia de Pontevedra”, na que explicarán os diferentes tipos de gaitas de fol que se documentan na provincia de Pontevedra e interpretarán melodías con cada unha delas. O acceso á actividade é libre ata completar a capacidade.

Entre as gaitas de fol das que falarán Carpintero e Sánchez áchanse as máis antigas que se documentan no mundo. Algunhas lévanse tocando de xeito ininterrompido desde finais da Idade Media e foron pasando de man en man dun gaiteiro a outro desde entón. Varias familias pontevedresas e o propio Museo de Pontevedra custodian algúns destes exemplares.

Na charla-concerto, os músicos e investigadores falarán de como conseguiron datar con seguridade estes instrumentos excepcionais. Explicarán a súa particular morfoloxía, como se tocaban e se construían. Durante a sesión, o público poderá ver e escoitar en directo algunhas destas antiquísimas gaitas. Ademais, exhibiranse nunha vitrina as ferramentas para a fabricación de gaitas utilizadas por Manuel Villanueva, mítico gaiteiro e artesán de Poio, conservadas no museo: punzóns, coitelas, tarabelos, coiros, palletas, un pínfano e dous punteiros.

Un destes punteiros é o que Pablo Carpintero analizou recentemente para obter a súa datación, empregando un modelo matemático baseado no desgaste da madeira e análises mediante carbono-14. Trátase dun punteiro elaborado en madeira de pau santo, con mesa de buxo, aneis de corno e un anel de remate da boca de latón. O seu anterior propietario foi Perfecto Feijoo.

É a segunda vez que o museo colabora nesta investigación: en 2022 Pablo Carpintero extraeu unha mostra doutra das gaitas de Manuel Villanueva que se conservan no Museo de Pontevedra, como parte investigación da súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo.

Rosa Sánchez e Pablo Carpintero son músicos e investigadores. As súas indagacións céntranse no folclore infantil, na evolución da morfoloxía e do repertorio da gaita de fol e dos instrumentos que a acompañan, na súa contextualización social e histórica, e no estudo dos diversos instrumentos musicais tradicionais do noroeste da península. 

Rosa Sánchez é ama de casa, bailadora e cantadora tradicional, e toca os tambores das diferentes zonas do noroeste peninsular. Con Pablo Carpintero xuntou un dos maiores arquivos de gravacións de campo desta zona, con máis de 900 horas, doado ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.

Pablo Carpintero é doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e cun diploma de Estudos Avanzados en Historia da Música na Universidade de Vigo. Traballou no proxecto Ronsel de recuperación do patrimonio cultural inmaterial e foi consultor da Unesco en temas relacionados co patrimonio inmaterial. A súa publicación Os instrumentos musicais na tradición galega recibiu o Premio Antón Losada Diéguez en 2009 na modalidade de investigación e ensaio. Carpintero tamén é experto en replicar gaitas de fol antigas e os instrumentos que as acompañaban. Pola interpretación e reconstrución da polémica gaita de fol da Cantiga 350 recibiu en 2016 o premio de artesanía Antón Fraguas na modalidade de artesanía tradicional.