O Ciclo Mestre Mateo continúa este luns en Baiona coa proxección do filme “No somos nada”

O pase do documental de Javier Corcuera terá lugar no Multiúsos de Sabarís ás 21:00 horas

13/08/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, continúa este luns 14 de agosto en Baiona. Deste xeito, o Multiusos de Sabarís acollerá ás 21:00 horas un pase do documental ‘No somos nada’, do director Javier Corcuera.

O filme revive a historia do grupo de música vasco La Polla Records a partir do anuncio dunha xira de despedida, tras anos de silencio, por parte do seu vocalista Evaristo Páramos. Entre material de arquivo e moita animación, o cantante fai memoria dos 40 anos de traxectoria musical da banda, que arrancaron nun bar da aldea de Agurain. O seu relato enrédase con cancións, fotografías, fragmentos de animación e vellos vídeos da banda. A longametraxe, estreada no Festival de Cine de San Sebastián, foi finalista nos Premios Mestre Mateo e acadou o Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona.

Ademais de Baiona, esta segunda edición do Ciclo Mestre Mateo recala na Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, ‘Unicorn Wars’ e ‘O corpo aberto’, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.

O resto de títulos do programa son os documentais ‘Onde máis doe’, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival, e ‘A foreign song’ (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén o filme de animación ‘Valentina’ (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, a película ‘Live is life’, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e a longametraxe ‘Código Emperador’ (Jorge Coira, 2022), que foi estreada no XXIV Festival de Málaga.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.