A Guarda acolle este sábado 7 de outubro a proxección do filme “Valentina” ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

O pase desta película de animación, dirixida por Chelo Loureiro, terá lugar ás 20:30 horas no salón de actos do Centro Cultural  

06/10/2023

O Concello da Guarda continúa este sábado 7 de outubro as proxeccións da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, o salón de actos do Centro Cultural acollerá, ás 20:30 horas, o pase de Valentina, dirixida por Chelo Loureiro e finalista dos Mestre Mateo na categoría de filmes de animación.

A película amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está tamén producida por Chelo Loureiro xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta, e conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, cunha banda sonora obra de Nani García. Entre o seu palmarés conta co Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e foi finalista dos Premios Mestre Mateo nesta mesma categoría.

Ademais de no da Guarda, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son Baiona, Caldas de Reis, O Grove e A Estrada. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo do pasado 11 de marzo.  

O resto de títulos do programa son os filmes finalistas destes galardóns. É o caso dos documentais Onde máis doe, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no Ourense Film Festival (OUFF), de Javier Corcuera, Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona; e A Foreign Song, de César Souto, gañadora dos premios á mellor longametraxe española e á mellor dirección española no Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén as películas Live is Life de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e Código Emperador, de Jorge Coira, que foi estreada no XXIV Festival de Málaga

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.