A Deputación leva esta semana o mellor cinema galego a Covelo a través do Ciclo Mestre Mateo
Covelo acolle esta semana un total de tres sesións de longametraxes e curtametraxes no Auditorio municipal
01/12/2025
Covelo acolle esta semana tres citas co mellor audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. As tres sesións programadas o mércores 3, venres 5 e o domingo 7 de decembro terán lugar no Auditorio municipal.
A programación do Ciclo Mestre Mateo en Covelo comeza este mércores 3 de decembro ás 18:00 horas coa proxección de “Xustiza artificial”, de Simón Casal. Esta cinta de intriga narra a historia de como un sistema de intelixencia artificial do goberno español promete automatizar e despolitizar o proceso xudicial. Ao longo da longametraxe, descubrirase como o desenvolvemento dese proxecto desvelará unha conspiración para controlar todo o país.
O venres 5 ás 20:30 horas terá lugar a proxección do documental “Aurora”, de Area Erina, no que nos amosa como ela e a súa protagonista Aurora Álvarez, establecen unha forte relación de intimidade e confianza, a pesar de ser mulleres procedentes de mundos totalmente dispares e cunha gran diferenza de idade. As persoas asistentes á proxección en Covelo poderán gozar coas profundas conversacións que as dúas mulleres manteñen sobre a morte, a familia, a guerra e o papel da muller.
Por último, o domingo 7 ás 18:00 horas proxectarase “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeriño. O documental narra como a súa directora regresa a Galicia despois de 20 anos en Barcelona para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán téxtil galeguista homosexual que viviu intensamente nos anos 80. Este retorno provoca o reencontro coa súa nai Socorro, unha muller á que Zeltia rexeitaba. O repentino empeoramento na saúde de Socorro cambia a mirada de Zeltia, que comeza un camiño de volta a casa complexo, pero tamén cheo de amor, coidados e curación.
A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo remata este ano no concello de Covelo, tras pasar por Marín, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais das sesións desta semana, en Covelo no mes decembro haberá proxeccións dos documentais “Prefiro condenarme” (10 de decembro) e “Salvaxe, salvaxe” (12 de decembro).