O filme Live is Life inaugura este mércores 4 de outubro as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo en Caldas de Reis

O pase da película de Dani de la Torre terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal 

03/10/2023

O filme Live is Life, do realizador Dani de la Torre, inaugura este próximo mércores 4 de outubro en Caldas de Reis as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, o auditorio municipal acollerá ás 20:30 horas o pase da película, que foi finalista dos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario.

O filme, de 2022, conta co guión orixinal de Albert Espinosa e está protagonizado por Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas, entre outras e outros profesionais. A acción transcorre no verán de 1985, no que, coma cada ano, o protagonista, Rodri, deixa Cataluña e regresa á aldea galega da súa familia para reencontrarse coa súa panda. Este ano é distinto e os problemas do mundo real comezan a aparecer nas súas vidas e ameazan con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a Noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

Ademais de Caldas de Reis, os outros concellos nos que recala esta segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son Baiona, A Guarda, O Grove e A Estrada. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  

O resto de títulos do programa son os traballos finalistas destes premios, coma os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song, (César Souto, 2022), gañadora dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, e No somos nada (Javier Corcuera, 2022), estreado no Festival de Cine de San Sebastián. Tamén os filmes Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañador do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e Código Emperador (Jorge Coira, 2022), estreado no XXIV Festival de Málaga.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.