O Ciclo Mestre Mateo continúa este xoves na Estrada coa proxección do documental “No somos nada”

Os Minicines Central acollerán o pase do filme dirixido por Javier Corcuera ás 17:0

18/10/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, continúa este xoves 19 na Estrada. Deste xeito, os Minicines Central acollerán, ás 17:00 horas, o pase da película No somos nada, de Javier Corcuera, finalista na categoría de mellor documental nestes premios.

O filme revive a historia do grupo de música vasco La Polla Records a partir do anuncio dunha xira de despedida, tras anos de silencio, por parte do seu vocalista, Evaristo Páramos. Entre material de arquivo e moita animación, o cantante fai memoria dos corenta anos de traxectoria musical da banda, que arrancaron nun bar da aldea de Agurain. O seu relato enrédase con cancións, fotografías, fragmentos de animación e vellos vídeos da banda. A longametraxe, estreada no Festival de Cine de San Sebastián, foi finalista nos Premios Mestre Mateo e acadou o premio do público no Festival In-Edit de Barcelona.

Ademais da Estrada, o ciclo chegou este ano aos concellos da Guarda, Caldas de Reis, O Grove e Baiona. Estes municipios continúan a exhibir unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas, respectivamente, como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.

O resto de títulos do programa son, ademais de No somos nada, os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) e A Foreign Song (César Souto, 2022), así como o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), a película Live is Life (dirixida por Dani de la Torre) e a longametraxe Código emperador (Jorge Coira, 2022).
 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.