A Deputación leva este martes a Marín a proxección do documental “Aurora” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A proxección do documental de Area Erina terá lugar na Biblioteca municipal ás 19:30 horas

27/09/2025

A Biblioteca municipal de Marín acolle este martes 30 de setembro ás 19:30 horas a proxección do documental "Aurora", de Area Erina. A actividade forma parte do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

O documental "Aurora" amósanos como a súa directora Area Erina e a súa protagonista Aurora Álvarez, establecen unha forte relación de intimidade e confianza, a pesar de ser mulleres procedentes de mundos totalmente dispares e cunha gran diferenza de idade. As persoas asistentes á proxección en Marín poderán gozar coas profundas conversacións que as dúas mulleres manteñen sobre a morte, a familia, a guerra e o papel da muller.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano en Marín, Mondariz, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais de "Aurora", no mes de outubro en Marín haberá proxeccións de curtametraxes (14 de outubro) e das longametraxes "Honeymoon" (7 de outubro), "Xustiza Artificial" (21 de outubro) e "Filmei paxaros voando" (28 de outubro).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.