O Grove acolle este venres 15 a proxección do filme “Onde máis doe” ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

O pase deste documental, da realizadora Manane Rodríguez, terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey

14/09/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia e que neste 2023 está a celebrar a súa segunda edición, recala este vindeiro venres 15 de setembro no Grove. A Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey acollerá ás 20.00 horas o pase do documental Onde máis doe, da realizadora Manane Rodríguez.

O filme, que se estreou o pasado 2022 no Ourense Film Festival (OUFF ) e foi finalista na categoría documental nos Premios Mestre Mateo, retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos a súa ex-parella, asasinou a golpes de pala o seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar a nai. Manane Rodríguez asume a dirección e o guión deste filme producido por Xabier Bermúdez e que que conta con música de Nani García.

Ademais do Grove, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, A Guarda, A Estrada e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor Documental, Mellor Longametraxe de Animación e Mellor Longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, ademais de Onde máis doe, os documentais A foreign song (César Souto, 2022), gañadora dos premios á Mellor Longametraxe Española e á Mellor Dirección Española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; No somos nada (Javier Corcuera, 2022), estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañador do Goya á Mellor Longametraxe de Animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española; a cinta Live is Life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa; e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022), estreada no XXIV Festival de Málaga.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.