A Deputación achega o próximo mércores, 21 de maio, a Sanxenxo o ciclo Mulleres de Palabra(s) para afondar na escrita para as máis novas
O Auditorio Emilia Pardo Bazán acolle a partir das 20:00 horas unha conversa na que participarán Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto
13/05/2025
A Deputación de Pontevedra leva o vindeiro mércores 21 de maio o ciclo Mulleres de Palabra(s), co que busca poñer o foco nas escritoras e nas palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero, ata Sanxenxo. Concretamente, o Auditorio Emilia Pardo Bazán acollerá a partir das 20:00 horas o encontro “Escribir para as máis novas”, que incluirá unha lectura e conversa na que participarán Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto, nun acto no que tamén estará presente a deputada de Igualdade Sandra Bastos.
Este programa, que arrancou o pasado mes de marzo en Vigo co encontro “Unha provincia de poetas” e que xa recalou na Guarda con “As novas voces literarias da provincia”, vai percorrer a provincia ata outubro reivindicando a palabra das escritoras do pasado da man de quince escritoras actuais a través de obradoiros, recitais e conversas. Mulleres de palabra(s) forma parte da programación do Ateneo Provincial pola Igualdade, cuxo obxectivo principal é a investigación e a divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero.
Despois da cita deste mes en Sanxenxo, Mulleres de palabra(s) continúa en xuño con dous obradoiros: un en Pontevedra, de man de Diana López Varela, e outro na Lama, con Maritza Berttolini. E o último obradoiro volverá ser en Pontevedra, neste caso en setembro con Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero. O primeiro ciclo “Mulleres de palabra(s)” rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial con Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña.