O espectáculo Zona en obras chega este sábado a Forcarei no marco do ciclo de teatro da Deputación

A función, con entrada libre ata completar a capacidade, terá lugar ás 18:00 horas no auditorio de Soutelo de Montes

15/12/2023

O auditorio de Soutelo de Montes, en Forcarei, acollerá este sábado 16 de decembro o espectáculo Zona en obras no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función, da man do artista Brais das Hortas, dará comezo ás 18:00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

Entre contos, música, marionetas, instrumentos con obxectos e moita interacción co público, Brais das Hortas protagoniza o espectáculo Zona en obras. Un número “en obras” que, con axuda do público asistente, logrará completar os contos que forman parte da peza con música e ritmo.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegarlles, desde outubro e ata finais de mes, un total de corenta e nove funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.