A Deputación pecha este mércores o ciclo Ciencia en Feminino cunha mesa redonda sobre os obstáculos na carreira investigadora

A sesión, telemática, enmárcase na programación de actividades do organismo provincial co gallo do 8M, agrupadas baixo o paraugas da campaña A nosa meta, a igualdade

24/03/2026

A Deputación pecha este mércores 25 de marzo o ciclo Ciencia en feminino, unha programación de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que están a afondar na situación da muller na ciencia da man de investigadoras galegas de recoñecido prestixio. O cuarto e último encontro do ciclo, que se pode seguir a partir das 19:00 horas a través da canle de GCiencia en Youtube, consistirá nunha mesa redonda sobre os principais obstáculos aos que se enfrontan as investigadoras na súa traxectoria: desde os teitos de cristal ata a dificultade para conciliar. Desta maneira, nunha charla conducida pola xornalista Laura Filloy participarán Ainara Díaz Geada, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela na área de Enfermaría; Soledad Torres Guijarro, enxeñeira de Telecomunicacións e investigadora de atlanTTic na Universidade de Vigo; e Iria Gómez Touriño, bióloga molecular experta en diabetes e investigadora do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela.

O ciclo Ciencia en feminino forma parte da campaña A nosa meta, a igualdade, coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres (8 de marzo) que a igualdade entre mulleres e homes é unha carreira de fondo, chea de retos pero tamén de obstáculos. “Se algo nos gusta neste goberno e nesta provincia -asegurou o presidente provincial Luis López na presentación da campaña- é chegar á meta en todo o que nos propoñemos” e, por este motivo, “non imos dar nin un só paso atrás; a defensa dos dereitos das mulleres é a única postura posible”.

Ao longo deste mes de marzo, programáronse dúas entrevistas, coa inmunóloga África González e coa catedrática de Matemáticas da USC Elena Vázquez Abal, e unha mesa redonda sobre como derrubar estereotipos da mulleres científica, que contou con Laura Castro Souto, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Gloria González Fortes, paleontóloga e investigadora da Universidade da Coruña, e Beatriz Fernández Domínguez, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.