A Deputación organiza esta fin de semana novas saídas ao abeiro do plan +Convivencia para entidades de once concellos da provincia
Máis de 1.100 persoas poderán desfrutar de visitas ás illas Cíes e Ons, dun paseo polo río Miño en barco ou de descubrir os xacementos arqueolóxicos de Santa Trega
22/05/2025
A Deputación de Pontevedra continúa este sábado e domingo 24 e 25 de maio as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con catorce novas actividades das que desfrutarán 1138 persoas da provincia a través de entidades de Arbo, Baiona, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, O Grove, A Guarda, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo e Vilanova de Arousa. A excursión máis demandada é a das illas Cíes (Vigo), á que asistirán desde Vigo 89 persoas da ANPA Sárdoma Moledo, 100 da ANPA do CEIP Escultor Acuña (estas dúas o sábado) e outras 313 das ANPA do CEIP Plurilingüe Sobreira-Valadares (o domingo), e desde Pontevedra un grupo de 130 persoas da ANPA San Martiño de Salcedo.
Tamén o sábado se realizarán dúas excursións á illa de Ons (Bueu), cun grupo de 96 persoas da ANPA do CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e outro de 34 persoas procedentes da sede de Érguete na Guarda. Demais darán un paseo en barco polo río Miño 23 persoas de ASEM Galicia (Vigo), visitarán Santa Trega (A Guarda) e Baiona 55 mulleres da Asociación Féminas en Acción de Vilanova de Arousa, e finalmente percorrerán O Baixo Miño 55 persoas de Troáns (Cuntis).
O domingo, un grupo de 50 persoas de Arbo, da Asociación Veciñal, Deportiva, Cultural e Xuvenil Arcángel San Miguel viaxarán ao castro de Castrolandín (Cuntis), a fervenza do Toxa (Silleda) e a ponte colgante de Xirimbao (A Estrada), 50 persoas da ANPA do Areal (Baiona) coñecerán en profundidade a tradición dos maios e outras 50 mulleres rurais da Chanciña (Campo Lameiro) visitarán O Salnés con actividades como unha subida ao monte da Siradella, no Grove, e un paseo en barco pola ría de Arousa. Ademais, un grupo de 50 persoas da Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade) farán unha visita ao Baixo Miño e outras 50 mulleres rurais da Lagoa de San Vicente do Grove visitará a illa de Tambo (Poio).
O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.
O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.