A sede de Vigo acolle a exposición “Compartir é vivir” con obras de 15 artistas internacionais para reflexionar sobre a desigualdade e a violencia de xénero

A Deputación inaugurará a mostra sobre intervencións artísticas na cidade, comisariada por Yolanda Herranz Pascual e Celeste Garrido Meira, este luns 16 de febreiro ás 19:00 horas coa presenza da vicepresidenta Luisa Sánchez

12/02/2026

A Deputación de Pontevedra inaugurará o próximo luns 16 de febreiro ás 19:00 horas na súa sede de Vigo a exposición colectiva itinerante “Compartir é vivir. Intervencións artísticas na cidade”, que chega á sede de Vigo con obras de 15 artistas de seis países (España, o Brasil, Colombia, os Estados Unidos, Guatemala e México) para xerar unha reflexión arredor da desigualdade, a violencia, a convivencia e a identidade e para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra cada 25 de novembro. A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, estará presente na inauguración da mostra, que estará dispoñible na Sala Maruja Mallo ata o 27 de marzo en horario de 9:00 a 20:30 horas de luns a venres.

“Compartir é vivir” é unha recompilación de obras de 15 artistas pensadas para o espazo público, considerado como un ben común que é de todos e de ninguén, e tamén como un dereito reclamado desde sempre polas mulleres. Formalmente trátase de dípticos formados por dúas imaxes concibidas como unha unidade de creación que debían intervir quince MUPI (Moble Urbano de Presentación de Información, paneis verticais na rúa que normalmente acollen publicidade) localizados no concello de Marín no ano 2022.

Os e as artistas participantes son Guerrilla Girls (EE.UU.), Yolanda Herranz (España), Regina José Galindo (Guatemala), Celeste Garrido (España), Beth Moysés (Brasil), Mau Monleón (España), Elina Chauvet (México), Mar Caldas (España), Bia Santos (Brasil), Nela –Manola Roig– (España), Lorena Wolffer (México), Samuel Gallastegui (España), Patricia Glauser (Colombia), Alissia (Mª Penalva-Leal) (España) e Lilian Amaral (Brasil).

“Compartir é vivir” acolle unha mensaxe de esperanza: a aspiración humana da convivencia en paz. Os e as 15 artistas renegan da violencia e propoñen o afecto e a non agresión, formulando a reivindicación dun futuro compartido. As propostas desta exposición están concibidas desde unha consciencia crítica e un posicionamento feminista que reivindica a necesidade de abandonar o silencio, de rexeitar a violencia e de aspirar ao respecto da dignidade humana, desde a creación artística, a colaboración, a reivindicación e a transformación do “eu” e do humano para mellorar o mundo. A Deputación organizará durante o período de apertura da exposición visitas guiadas polas comisarias e acollerá actividades como a presentación do catálogo e unha performance.