A Deputación lanza DepoPlay, unha canle dixital propia, pioneira e accesible para difundir contidos audiovisuais relacionados coa actividade institucional e coa provincia

O presidente Luis López subliñou que se trata “dunha nova plataforma, enmarcada na estratexia de dixitalización e modernización das canles de comunicación do organismo provincial, coa que imos seguir avanzando na nosa máxima de tender pontes e escoitar, entender e atender a toda a cidadanía”

28/01/2026

Luis López amosa no seu móbil a páxina de Depo Play

A Deputación de Pontevedra lanza DepoPlay, unha canle dixital propia orientado a difundir contidos audiovisuais relacionados coa actividade institucional e coa provincia. “Trátase dunha nova plataforma, que se enmarca na estratexia de dixitalización e modernización das canles de comunicación do organismo provincial, coa que imos seguir avanzando na nosa máxima de tender pontes e estar preto da cidadanía”, subliñou o presidente.

“Con DepoPlay imos abrir unha nova vía de difusión adaptada aos hábitos actuais do consumo audiovisual”, asegurou Luis López quen explicou que a partir de hoxe será posible gozar na plataforma tanto de eventos en directo, como de contidos relacionados coa provincia do deporte, curiosidades, vídeos relacionados de turismo ou do Museo de Pontevedra, audiovisuais sobre a acción de goberno, pero tamén pezas relacionadas coa igualdade, a cultura, a lingua, o medio natural ou a xuventude.

Deste xeito, o pioneiro servizo de OTT, “un Netflix provincial” operativo a través da ligazón https://play.depo.gal, vai centralizar a oferta de contidos audiovisuais relacionados coa Deputación de Pontevedra e con actividades desenvolvidas ou relacionadas coa provincia. DepoPlay funciona baixo demanda, tanto de emisións en directo como de contidos gravados, e é libre e accesible a través de diferentes dispositivos, para facilitar o consumo por parte da cidadanía.  Ademais, está organizada por temas, para facilitar a visualización, e conta cun buscador de contidos.