A Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas á Guarda cun monólogo sobre a relación das persoas coas redes sociais

“Enredada”, de Leti da Taberna, representarase ás 21:00 horas no Salón de Actos do Centro Cultural da vila

20/01/2026

Leti da Taberna

A Deputación de Pontevedra leva este venres 23 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao Concello da Guarda da man do espectáculo de humor “Enredada”, a cargo de Leti da Taberna. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

O monólogo de humor “Enredada” representarase no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda ás 21:00 horas. Nel, Leti da Taberna explorará a relación das persoas coas redes sociais e como estas inflúen no día a día. A propia Leticia Miraz, taberneira "de nacemento" e con formación sociosanitaria, fíxose popular a raíz de comezar a publicar contidos en TikTok en 2020. O obxectivo deste espectáculo é provocar que os espectadores se vexan reflexados coas situacións que presenta para que acaben rindo de si mesmos.

Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.