A Deputación presenta en Cangas do Morrazo as liñas de axudas de Acción Comunitaria do 2026, das que en anos anteriores se beneficiaron unha decena de entidades do concello con máis de 85.000 €
O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, deu a coñecer +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria, as tres liñas de axudas provinciais dirixidas a comunidades de augas e ao tecido asociativo que se poden solicitar ata o 1 de abril
04/02/2026
A Deputación de Pontevedra deu a coñecer en Cangas do Morrazo as liñas de axudas provinciais de Acción Comunitaria para este 2026 dirixidas a comunidades de augas e ao tecido asociativo, das que en anos anteriores se beneficiaron unha decena de entidades do concello con máis de 85.000 € e, no conxunto da provincia, arredor de mil colectivos entre os que se distribuíron 11,5 M€. O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, presentou os recursos e novidades de +Aqua , +Novaqua e Provincia Comunitaria deste ano, unhas axudas que se poden solicitar ata o 1 de abril e que suman un investimento inicial de 3,2 millóns de euros, o que supón un 20% máis que no 2025.
As dúas liñas de axudas dirixidas ás comunidades de augas, +Aqua e +Novaqua, están dotadas este ano de máis de 1,8 millóns de euros para seguir avanzando na mellora da calidade da auga e das súas instalacións, así como na regularización das traídas. Os 360.000 € de +Novaqua irán dirixidos a regularizar as traídas de augas veciñais, con axudas que ascenden ata os 6.000 euros e permitirán aos colectivos sufragar os custos da redacción do proxecto de legalización e renovación, das analíticas ou dos traballos de topografía, así como os gastos de xestión e tramitación, entre outras cuestións.
Con preto de 1,5 millóns de euros, +Aqua destinará ata 10.000 € por entidade para instalar ou mellorar as infraestruturas das traídas de augas comunitarias (contadores, canalizacións, redes de distribución, tomas…), así como iniciativas de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora na xestión da auga. Tamén poderán dedicar os recursos da Deputación a financiar sistemas de tratamentos ou da calidade da auga subministrada, ademais de a obras de mellora na captación ou actuacións de impermeabilización, entre outras actuacións.
No que respecta a Provincia Comunitaria, a liña de axudas dirixida a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia, o orzamento ascende a preto de 1,5 millóns, tamén con máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria. Neste caso, os colectivos poderán solicitar o financiamento de obras, da adquisición de equipamentos ou dos gastos derivados da xestión e tramitación da subvención e do pago de taxas, así como para traballos de roza e de limpeza de terreos.
Recursos de Acción Comunitaria en Cangas do Morrazo
Ata o de agora foron nove as entidades de Cangas do Morrazo que se beneficiaron de máis de 85.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra. Por unha banda, 3 comunidades de usuarios de augas recibiron máis de 36.000 € para mellorar a calidade e xestión das augas e realizar obras de mellora nas súa infraestruturas e seis asociacións contaron con preto de 50.000 € para rehabilitar os seus locais sociais e dotalos de novos equipamentos.
