A Deputación supervisa en Forcarei a execución de cunetas de seguridade na estrada provincial EP-7204 Soutelo-Ratel

A deputada Belén Cachafeiro recorreu esta actuación de seguridade viaria que acaba de iniciarse nun tramo que discorre por Pousada e a Devesa de Arriba ao abeiro do acordo marco de cunetas na rede da Deputación, dotado con máis de 2 millóns de euros

20/01/2026

obras cunetas

A Deputación de Pontevedra acaba de comezar a execución de cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-7204 Soutelo-Ratel, no Concello de Forcarei. A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade e tamén alcaldesa da vila, Belén Cachafeiro, recorreu o tramo no que se están a desenvolver as actuacións ao abeiro do acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación, que ascende a 2 millóns de euros.

Segundo destacou Cachafeiro, as obras que se están a realizar no Concello de Forcarei  trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas na estrada provincial EP-7204 Soutelo-Ratel. Por unha banda estase a actuar entre os puntos quilométricos 3+670 e o 4+150, no lugar de Pousada,  e, pola outra, entre os puntos quilométricos 6+600 e o 6+800, na Devesa de Arriba. “Mediante estas cunetas de formigón armado - tal e como recordou a deputada e tamén alcaldesa de Forcarei- non só melloramos a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns”. A actuación en Forcarei contempla a execución de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para drenaxe, a execución de arquetas e o recrecido de pozos.

Belén Cachafeiro lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros. Ao abeiro deste acordo marco, ademais da estrada provincial EP-7204 ao seu paso de Forcarei, está previsto que no mesmo concello se realice outra actuación na estrada provincial EP-7204 Soutelo-Covas, nos lugares de Fixó e Portela.