Luis López anuncia un investimento de máis de 1 M€ para repoñer o firme na estrada provincial EP-7001 A Estrada-Forcarei
O presidente da Deputación adiantou que se actuará nun tramo de preto de 12 quilómetros nos que se reporá o firme e realizará un tratamento para conseguir unha mellora da adherencia, da rodaxe e da uniformidade do firme
16/01/2026
Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente de contratación para poñer en marcha a reposición do firme na estrada provincial EP-7001 A Estrada- Forcarei, cun investimento de máis de 1 millón de euros. O presidente do organismo provincial adiantou que se actuará nun tramo de preto de 12 quilómetros nos que se reporá o firme e realizará un tratamento para conseguir unha mellora da adherencia, da rodaxe e da uniformidade do firme.
En liñas xerais, a reposición do firme terá lugar nun tramo desta estrada provincial que discorre polo Concello da Estrada, entre os puntos quilométricos 0+300 e o 12+200. Neste treito reporase o firme en ata 8.500 metros lineais da calzada onde se actuará ben en só nun dos carrís, tanto en dirección á Estrada como a Forcarei, ou en ambos, en función do seu estado.
Ademais, tal e como explicou o presidente, noutros treitos do tramo de 12 quilómetros obxecto da actuación, realizarase un tratamento superficial para conseguir unha mellora da adherencia, da comodidade da rodaxe e da uniformidade do firme. A actuación completarase coa reposición da sinalización horizontal.
