A Deputación promociona Rías Baixas como plató de cinema no Shooting Locations Marketplace, un encontro internacional da industria audiovisual que se celebra entre o 14 e 15 de outubro en Valladolid

A institución provincial participará no encontro a través da Rías Baixas Film Commission e están xa pechadas reunións con localizadores e produtores de 20th Century Studios, HBO, Universal Pictures, See-Saw Films ou Focus Features

11/10/2026

A Deputación de Pontevedra avanza no seu obxectivo de espallar os múltiples atractivos turísticos da provincia. Nesta ocasión, a oferta de Rías Baixas como plató de cinema chegará ao Shooting Locations Marketplace, un encontro internacional da industria audiovisual que se celebra entre o 14 e o 15 de outubro na Feira de Valladolid co obxectivo de conectar destinos de rodaxes con profesionais do sector como localizadores, produtores e directores creativos.

A institución provincial participará no encontro a través da Rías Baixas Film Commission e están xa pechadas reunións con localizadores e produtores de empresas de relevancia internacional como 20th Century Studios, HBO, Universal Pictures, See-Saw Films, Focus Features, Atresmedia Cine, La Terraza Films, Fable Pictures, Film Base Berlin, Producciones Mandarina, Point Prod, Zolba Productions ou Matiné, encargadas de pezas audiovisuais como Avatar, Alien, Juego de Tronos, Oppenheimer, Jurassic PArk, El discurso del rey, Lost in Translation, La isla mínima, Las leyes de la frontera, Wild Rose, Killing Eve, Winter Palace, Von Fock ou Terra Vil. A todas elas ofreceráselles a guía de rodaxe e presentaranse os lugares máis atractivos da provincia como destino apropiado para grandes producións audiovisuais, así como facilitaráselles información relativa ás axudas existentes ao sector audiovisual para rodaxes en Galicia e na provincia de Pontevedra.

No Shooting Locations Marketplace a Deputación de Pontevedra pretende establecer contactos directos con localizadores, runners, produtores, estudios de produción, directores e outros perfís creativos e técnicos co obxectivo de atraer novos rodaxes e proxectos audiovisuais ao territorio. Tamén divulgará localizacións singulares e recursos técnicos ou institucionais dispoñibles para materializar estas producións e achegará o compromiso do organismo provincial coa industria cultural e audiovisual, así como co desenvolvemento económico a través do audiovisual.