A Deputación celebra na sede de Vigo o Día Europeo da Música

A vicepresidenta Luisa Sánchez presidiu o acto, ao que asistiu alumnado do Colexio María Inmaculada e que contou coa actuación do cuarteto de tubas do Conservatorio Superior de Música de Vigo

18/06/2025

Día Europeo da Música 2025

A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores na súa sede de Vigo o Día Europeo da Música cun acto, presidido pola vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, que contou coa participación do cuarteto de tubas do Conservatorio Superior de Música de Vigo e coa asistencia de preto de 80 alumnas e alumnos de 3º e 4º de Primaria do Colexio María Inmaculada da cidade.

Luisa Sánchez lembrou que o Día Europeo da Música se celebra en realidade o 21 de xuño, coincidindo co solsticio de verán, e puxo en valor que "a música é moi importante nas nosas vidas porque nos fai ter outra sensibilidade, énchenos de emocións e tamén prolonga a nosa vida: segundo un recoñecido cardiólogo, escoitar música polo menos 30 minutos ao día é un dos segredos para ter unha vida lonxeva".

A vicepresidenta provincial destacou o traballo do profesorado para inculcar o amor pola música entre os nenos e nenas da provincia, así como o traballo do Conservatorio, que interpretou un conto musicado e ilustrado. "Queremos que gocedes da música e agradecémosvos que vos sumásedes a esta cita para celebrala connosco", sinalou Luisa Sánchez.

Galerias de imaxes