A Deputación repartirá máis de 5,2 M€ do II Plan Extra para financiar obras estratéxicas nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes

Estes recursos provinciais completarán actuacións en Agolada, A Estrada, Dozón, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces que mobilizarán ata preto de 8,3 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio

18/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes para distribuír os recursos do II Plan Extra, con máis de 5,2 millóns de euros para que os concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes se sumen á modernización da provincia. Estes recursos provinciais completarán actuacións nos concellos de Agolada, A Estrada, Dozón, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces que mobilizarán ata preto de 8,3 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio. As contías do II Plan Extra serán aprobadas no Pleno ordinario do organismo provincial deste mes de marzo, que terá lugar o venres 27, grazas á estabilidade política da provincia.

O Concello de Agolada recibirá 500.000 euros para financiar a recuperación e humanización da praza Alameda de Brántega e a súa contorna, que conta cun orzamento global de máis de 588.000 euros. No caso da Estrada, beneficiarase de 1,1 millóns de euros para facer fronte á recuperación da área recreativa da praia fluvial do río Liñares e reformar a edificación existente con destino a uso público, cuxo orzamento ascende aos preto de 1,6 millóns de euros. Pola súa banda, ata Dozón chegarán 500.000 euros do II Plan Extra da Deputación de Pontevedra e servirán para que o goberno local financie a reurbanización das rúas interiores e a mellora da vía de acceso ao barrio da Igrexa do Castro de Dozón, que ascende aos preto de 600.000 €.

Ademais, o Concello de Forcarei recibirá 500.000 euros para financiar a construción do edificio multifucional no complexo deportivo As Maleitas, que conta cun orzamento global de 650.000 euros. No caso de Lalín, beneficiarase de máis dun millón de euros para a humanización das rúas do centro da localidade, cuxo orzamento ascende aos máis de 2,4 millóns de euros, e Rodeiro de 500.000 € para a reurbanización da rúa A entre o centro cultural e a PO-533, que ascende aos máis de 588.000 euros.

Pola súa banda, ata Silleda chegarán máis de 463.000 euros para a rehabilitación e mellora da accesibilidade da escola de música municipal, que ascende aos preto de un millón de euros, e ata Vila de Cruces preto de 678.000 euros para humanizar o rúa do Cine e o núcleo urbano da localidade, cun orzamento global de preto de 847.000 euros.

No conxunto da provincia benefícianse do II Plan Extra 57 concellos da provincia que recibirán preto de 37 millóns de euros para impulsar proxectos estratéxicos locais que supoñen melloras relevantes en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos, teñen transcendencia en sectores de ámbito local, supramunicipal ou comarcal, incentivan o desenvolvemento do territorio, atraen e fixan poboación, teñen un compoñente vertebrador e fomentan a igualdade de oportunidade entre o rural e urbano.