Eliminar a recollida diaria do lixo e marcar días na semana para tirar as diferentes fraccións de residuos, chave do éxito para conseguir obxectivos de reciclaxe tamén en Cataluña

A comitiva dos concellos Revitaliza comproban como o sistema de caldeiros con chip fixo “virar a tortilla” e cumprir xa hoxe as esixencias da Unión Europea para 2035 en varios concellos cataláns

25/05/2022

Viaxe Revitaliza a Cataluña  

Tres días á semana recóllense os residuos orgánicos, dous días á semana recóllense os envases, un día á semana o vidro, outro o papel e outro a fracción resto. Esa é a organización da recollida de lixo que se realiza no concello de Sort en Cataluña, un dos exemplos de éxito na xestión dos residuos que coñeceu hoxe a comitiva dos concellos Revitaliza na súa viaxe de formación.

Segundo explicou o director de Planificación Estratéxica da Agència de Residus de Catalunya Francesc Giró aos representantes da provincia, a decisión de eliminar a recollida diaria do lixo en colectores e pasar a unha recollida periódica e alterna das diferentes fraccións é a chave do éxito para conseguir os obxectivos de reciclaxe obrigados pola Unión Europea.

Nos concellos que se fai así en Cataluña chégase a cifras que superan o 85% de reciclaxe, unha cifra moi superior ao 50% que a UE esixe para este ano 2022 e incluso á que será obrigatoria en 2035. Os datos dos municipios que seguen cos colectores na rúa ou outros sistemas de recollida baixan ao 45%. A situación destas localidades catalás choca, a día de hoxe, cos concellos da provincia de Pontevedra, onde os mellor situados grazas ao Revitaliza rozan o 40%.

Giró falou en concreto da situación do Consello Comarcal de Pallars de Sobirá, 15 municipios cunha poboación de 7.000 habitantes que no verán chega a 500.000. Alí implantouse o sistema de recollida Porta a Porta, facilitouse á veciñanza un caldeiro para sacar á rúa os biorresiduos e outro caldeiro de maior tamaño para sacar o resto das fraccións de maneira diferente cada día. Antes do cambio de sistema o consello comarcal estaba na cola de Cataluña, agora está entre as cinco zonas con mellores datos.

Ademais de recibir explicacións técnicas, a comitiva pontevedresa puido ver como na noite de onte a cidadanía sacaba á rúa o caldeiro que correspondía á fracción de envases e o deixaba na porta. Esta mañá tamén observaron 'in situ' como facían a recollida os operarios, facendo lecturas dos chips identificativos (cada vivenda ten un código asignado) ao botar o lixo no camión: o sistema tecnolóxico permite saber canta cantidade de residuos bota cada persoa e se cumpre coa reciclaxe como corresponde ou hai algunha incidencia.

Casetas con control de acceso para zonas diseminadas

Pola súa banda, o responsable técnico do Consello Comarcal do Solsones Toni Jiménez, explicou como "virou a tortilla" co cambio dos sistemas tradicionais ao retirar os colectores da rúa e pasar a unha recollida calendarizada por fraccións. Destacou que na planta de compostaxe na que traballan anteriormente tratábanse 9 trincheiras de residuos orgánicos mesturados con outros residuos e só tres de orgánica pura, entres que co cambio á PaP a fracción resto misturada caeu a apenas un cuarto da cantidade anterior e a orgánica pura duplicouse, podendo facer un compost de maior calidade. Para as zonas máis diseminadas, apuntou, estase a traballar para retirar 40 das 81 illas de reciclaxe que hai nas zonas rurais e substituílas por casetas con recollida PaP e identificación de usuario mediante un control de acceso. "Temos a vista posta na taxa xusta, que cada persoa pague polo que xera. Todo vai encamiñado a iso", apuntou.

A comitiva pontevedresa seguiu pola tarde cara á Mancomunidade de La Plana, onde tiveron unha benvida institucional do presidente Ferrán Teixidor, o vicepresidente Xavier Rierola e a xerente Imma Codoni. As explicacións técnicas sobre a xestión dos residuos na zona recaeron no xefe de área de Medio Ambiente Francesc Molist, quen fixo unha chamada aos políticos pontevedreses a "crer e apostar" por un modelo (PaP) cuxas cifras falan por si solas: na mancomunidade formada por 14 municipios (35.000 habitantes) os datos pasaron a superar o 88% de recollida selectiva cunha media do 83,4% anual. "O obxectivo é que a fracción resto non supere o 10%" apuntou.

Na zona as e os representantes dos concellos Revitaliza coñeceron como se aplica a alta tecnoloxía dos caldeiros con chips de alta frecuencia e tamén as melloras que se están a introducir na planta de compostaxe de Malla, que pretende tratar unha capacidade de 2.500 toneladas de biorresiduos anual. "Aquí o recibo da 'basura' está entre os 140-150 euros ao ano. Debería dar para cubrir os costes do servizo, algo que xa é obrigatorio por lei para 2025. Se se mancomunan costes pode haber prezos competitivos, pero está claro que hai que ir ao pago por xeración dende a orixe", subliñou.

Xa pola noite a comitiva dos concellos de Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Mancomunidade do Morrazo, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas e A Cañiza tiñan previsto coñecer en directo as recollidas PaP dos barrios de Folgueroles e Tarradell.

A xornada de mañá será unha das máis intensas da viaxe con charlas e visitas. Haberá parada en Argentona, o barrio de Sant Andreu no centro de Barcelona, no Consello Comarcal da Conca de Barberá, en Espluga de Francolí, no Consello comarcal do Segrà, e en Lleida.

Galerias de imaxes

videos