Máis de 150 persoas participan esta fin de semana no programa “En ruta coa Depo”

Persoas usuarias de asociacións de Arbo, Sanxenxo e Vigo participan neste programa da Deputación de Pontevedra para coñecer lugares singulares da provincia

03/11/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana tres saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Neste caso, entidades dos concellos de Arbo, Sanxenxo e Vigo mobilizarán máis de 160 persoas para coñecer as ruínas de Santa Mariña Dozo, o mosteiro da Armenteira ou pasear por Cabo Udra, entre outros espazos da provincia.

Dúas das saídas están programadas para este sábado 4 de novembro. Así, integrantes da Asociación Cultural Evaristo de Sela (Arbo) percorrerán Cambados con paradas en lugares do concello coma o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca. Pola súa banda, o Club de Xubilados e Pensionistas de Portonovo (Sanxenxo) visitará diferentes puntos de Cangas, coma Cabo Home ou a igrexa do Hío, e de Bueu, coma o Museo Massó e Cabo Udra. Ademais, o domingo 5 de novembro a Asociación de Mulleres "Pedra da Vella" (Vigo) fará unha ruta polo Salnés para coñecer o mosteiro da Armenteira, os muíños do Batán, o monte do Castro e, entre outros lugares de interese, o pazo de Señoráns.

A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano se darán cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.