Máis de 500 persoas participan esta semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños de Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Fornelos de Montes, Ponteareas, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa percorrerán lugares emblemáticos da provincia entre este xoves e o domingo

25/10/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana dez novas saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia e ocio en lugares do territorio provincial. Entidades dos concellos de Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Fornelos de Montes, Ponteareas, Vigo, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa mobilizarán máis de 500 persoas para coñecer os pazos de Oca, Lourizán e Gandarón, a ría de Arousa e os concellos de Barro, Cambados, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, a Lama, O Rosal, Salvaterra de Miño, Tomiño e Valga.

Este xoves 26 de outubro a Asociación de Veciños de Coruxo de Vigo visitará o conxunto histórico de Cambados, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca. Pola súa banda, o venres 27 sairán cara a Salvaterra de Miño e Arbo a Asociación de Viúvas de Baiona “Mercedes de la Escalera” para visitar o conxunto histórico, o parque A Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea e as pesqueiras do río Miño.

O sábado 28 de outubro a Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais A Xuntanza de Fornelos de Montes e a Asociación Amigos dos Pazos de Vigo desprazaranse ata os concellos de Pontevedra e A Estrada para realizar a ruta das camelias señoriais e a Ruta das Maceiras de Callobre, que inclúen visitas aos pazos de Lourizán, Gandarón e Oca.

E, finalmente, o domingo 29 de outubro seis asociacións participarán neste programa. A Asociación Mulleres Progresistas de Darbo de Cangas percorrerá a ponte de Gomail de Forcarei, a de Pedre en Cerdedo-Cotobade, o sendeiro do Verdugo en Ponte Caldelas, a ponte e a praia fluvial. A Asociación de Mulleres Rurais de Tuiriz de Vila de Cruces desprazarase ata Cambados para coñecer o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca. A Asociación de Mulleres Rurais A Achanciña de Campo Lameiro xunto coa Asociación de Veciños da Comunidade de Pías de Ponteareas farán a Ruta dos Muíños do Rosal e visitarán a fortaleza de Goián en Tomiño. A Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras de Trabanca Sardiñeira de Vilagarcía de Arousa percorrerá o Museo da Salga do Grove e a ría de Arousa en barco e a Escola de Danza Música Tradicional Pedra da Garza de Ponteareas visitará o parque natural do río Barosa de Barro, o miradoiro do Val de Portas, o xacemento da igrexa antiga de Santa Comba de Valga e as torres de Oeste de Catoira.

A través de “En ruta coa Depo” a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano se darán cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.