A Deputación leva a Meaño un espectáculo de música e danza para gozar en familia enmarcado na segunda edición de Entradiñas de Aninovo

“O arcón de Noa”, de Amarelo Cía, chegará este sábado ás 18:30 horas ao Centro Social de Dena e está pensado para público infantil e familiar a partir dos 3 anos

06/01/2026

O arcón de Noa. Amarelo Cía

A Deputación de Pontevedra leva a Meaño un espectáculo musical e de danza enmarcado na segunda edición de Entradiñas de Aninovo, o ciclo de concertos do organismo provincial que está a percorrer a provincia coincidindo coa entrada do novo ano. O seu percorrido continúa este sábado 10 de xaneiro ás 18:30 horas no Centro Social de Dena, onde a compañía Amarelo Cía ofrecerá o espectáculo para público infantil e familiar “O arcón de Noa”.

“O arcón de Noa” é unha proposta que, a través da linguaxe da danza contemporánea, da utilización de obxectos e da interacción co dispositivo escénico, amosa múltiples situacións e personaxes guiadas por unha narración clásica de conto de maxia e fantasía, co obxectivo de estimular a imaxinación das nenas e nenos. O espectáculo trata valores sociais e temáticas relevantes para o desenvolvemento emocional da infancia: a empatía, a sostibilidade, a cooperación, a diversidade, a inclusión ou o respecto ao diferente. Todos estes temas trátanse de maneira transversal e lúdica, facendo uso da linguaxe corporal, a luz, a música e a imaxinación para contar unha historia de amizade chea de emoción, maxia, aventuras, fantasía e comicidade.

A Deputación de Pontevedra está a organizar esta serie de concertos especiais en espazos dos concellos da provincia coa finalidade de que as familias poidan deleitarse de novo coa música clásica, tradicional e popular, cun repertorio participativo e acaído para esta época do ano. O título está tirado dun verso dunha copla popular de Nadal, “Ayes de mi país, o cancioneiro de Marcial Valladares”, publicado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim: “Despedida de ano vello / entradiña de aninovo / os señores desta casa / as conten con grande gozo”.