A Deputación enche o centro de Vigo coas tradicionais danzas de Cobres, un dos entroidos máis singulares e con maior arraigo da provincia

Trece parellas de madamas e galáns bailaron esta tarde ao son da música polo Casco Vello para dar a coñecer un legado ancestral que o concello de Vilaboa mantén vivo desde o século XVIII

10/02/2023

Entroido. Tradicionais danzas de Cobres en Vigo

Nas beiras da enseada de San Simón mantense vivo un rito que se remonta ao século XVIII e que supón un dos máis notables exemplos do rico patrimonio inmaterial que se conserva na provincia de Pontevedra. O Entroido de Cobres, no concello de Vilaboa, é un dos máis vistosos e con maior arraigo do Noroeste Peninsular e desde a Deputación de Pontevedra trabállase na súa promoción internacional ao incorporalo este ano á nova campaña turística “Orixe Rías Baixas”, ademais de brindarlle hoxe a sede de Vigo para presentar as súas actividades ao conxunto da cidadanía. A presidenta Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o alcalde de Vilaboa, César Poza, e as e os dirixentes da Cultural de Cobres, animaron aos veciños e veciñas da cidade viguesa e da provincia a sumarse este ano a unha celebración “colorista e única que representa á perfección este legado ancestral que queremos preservar e potenciar nas novas xeracións”. Como dixo Abel Caballero “Trátase dun grande Entroido, estamos encantados que estean en Vigo.

Trece parellas de madamas e galáns bailaron esta tarde ao son da música desde a sede provincial do Casco Vello ata a rúa Príncipe, pasando pola Porta do Sol. O epicentro da cidade caeu rendida ante o bo facer de danzantes de todas as idades que garanten o relevo xeracional do Entroido de Cobres. “É moito máis que unha festa, forma parte do noso patrimonio cultural e agradecemos esta grandísima oportunidade de poder traer unha mostra do que somos ao centro da primeira cidade de Galicia”, enxalzou o alcalde de Vilaboa, César Poza, durante o acto de presentación no exterior da sede viguesa

A Asociación Cultural de Cobres carga en boa medida coa responsabilidade de coidar e promocionar un Entroido que está declarado Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1999. Esta tarde mobilizaron a un total de 26 bailaríns e bailarinas e a unha vintena de músicos para recrear con fidelidade a danza de Cobres no centro de Vigo. Desde o colectivo destacan que se trata “dun dos entroidos máis antigos de Europa e dos que mellor se conservan” e confían en chamar a atención con esta presentación como se fixera hai tres anos no Palacete das Mendoza en Pontevedra. “Queremos que a xente de Vigo saiba que a cinco minutos de Rande teñen este mes de febreiro un dos entroidos máis singulares e únicos do país”, explican os responsables da asociación, que tamén proxectaron un vídeo promocional realizado para divulgar a historia desta festa e o seu profundo arraigo entre a veciñanza de Vilaboa, que aspira a lograr o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional.

Centos de veciñas e veciños de Vigo tiveron ocasión de ver en directo as espectaculares danzas de Cobres e coñecer a súa elaborada vestimenta na que destacan como elemento máis singulares uns enormes sombreiros adornados con flores, espellos, cadeas e cintas de cores e que teñen habitualmente un peso de entre cinco e oito quilogramos, desafiando o equilibrio incluso das persoas máis veteranas.

Carmela Silva eloxiou a minuciosa ornamentación dos traxes e recoñeceu o traballo de todas as veciñas e veciños que traballan durante todo o ano para manter vivo o Entroido de Cobres e implicar á rapazada, contando na actualidade cun total de 25 parellas de baile que de sábado a martes de Entroido percorrerán á pé ás parroquias de Vilaboa para levar a súa música e bailes casa por casa. É así como se mantén viva unha festa con máis de dous séculos de historia e que goza dunha saúde de ferro.

A Deputación de Pontevedra considera o de Cobres e o resto de celebracións tradicionais da provincia “un recurso turístico de primeirísimo nivel porque contribúen de forma notable a consolidar un destino único cunha marcada personalidade”. Este é o motivo de que a campaña de Turismo Rías Baixas 2023 para a provincia de Pontevedra poña en valor o enorme potencial da cultura, as tradicións e o patrimonio inmaterial e de que se contara especificamente coas madamas e galáns de Cobres como unha desas manifestacións imprescindibles que ninguén que nos visite pode perderse.

videos